O próximo 1 de outubro, na Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar -1), o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), grazas ao convenio de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), desenvolverá unha nova xornada de divulgación tecnolóxica no VII Scratch Day.

Esta xornada, pensada para rapaces de entre 6 e 16 anos e os seus pais ou nais, así como o profesorado ou responsábeis dos centros interesados en introducir o Scratch na docencia, oriéntase cara a divulgación dos valores da programación informática para espertar e fomentar as vocacións tecnolóxicas no ámbito da educación STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñeira e Matemáticas) desde idades temperás.

Scratch

Scratch é unha linguaxe de programación visual desenvolto polo Grupo Lifelong Kindergarten do MIT Media Lab. A sua principal característica consiste en que permite o desenvolvemento de habilidades mentais mediante a aprendizaxe da programación sen ter coñecementos profundos sobre o código.

As súas características ligadas ao fácil entendemento do pensamento computacional fixeron que sexa moi difundido na educación de nenos, adolescentes e adultos. As habilidades adquiridas mediante Scratch, pódense aplicar a outras linguaxes básicas de programación como Python e Java.

Unha maneira de empezar a usar o programa en clase, é aprender baseándose en retos con xogos e pequenos proxectos, onde os nenos poidan desenvolver a súa creatividade. A través de titoriais do MIT, pódese aprender desde cero a programar con Scratch, utilizando a guía de iniciación creada polo mesmo Instituto.

Microbit

Nesta edición farase tamén unha introdución ao Microbit, placa electrónica deseñada para aprender a programar de forma fácil e divertida.

Microbit é unha pequena tarxeta electrónica programable de 4×5 cm lanzada pola BBC británica no ano 2015 co obxectivo de que máis dun millón de nenos e mozos ingleses aprendesen a programar dunha forma fácil e divertida. No ano 2016 a Fundación Educativa Micro:Bit integrada por empresas como Amazon, Microsoft, Cisco ou Samsung, asumen este proxecto co propósito de promocionar a aprendizaxe da programación e a robótica entre os mozos a nivel mundial.

Rexistro na actividade

O período de inscrición para o VII Scratch Day está aberto ata o 29 de setembro, a través desta web.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This