Experiencias TICDentro da sección de Experiencias TIC do Centro Demostrador TIC (CDTIC), no que se están a mostrar en forma de vídeos diferentes experiencias de transformación dixital en empresas pertencentes a diversos sectores non relacionados directamente coas tecnoloxías da información e das comunicacións, hoxe queremos destacar o caso de Gladex Placotec, por apostar pola implantación dunha tecnoloxía de software libre, OwnCloud.

Sobre a solución OwnCloud temos xa falado anteriormente en Mancomún e mesmo elaboramos un artigo completo sobre esta solución, no que entrevistamos a varias empresas galegas relacionadas con esta solución dende diferentes puntos de vista, o de empresa tecnolóxica que fornece servizos sobre OwnCloud e o de empresa que implantan a solución como usuaria.

No caso que destacamos hoxe, Gadiex Placotec S.L., trátase dunha empresa de Vigo que se dedica ao illamento e tabiquería seca de distribución, que implantou OwnCloud como ferramenta para mellorar a coordinación do seu persoal e delegacións.
Segundo explican no propio vídeo, as súas necesidades pasaban por mellorar o xeito de compartir documentos entre varios almacéns e delegacións repartidos polo territorio nacional, problema que se solucionou coa implantación desta ferramenta de software libre. Para esta implantación contaron coa tamén empresa galega Librebit, que conta cunha ampla experiencia ofrecendo servizos sobre esta solución.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas. As empresas do sector TIC poden solicitar realizar sesións demostradoras das súas solucións nas instalacións do Centro Demostrador TIC de Galicia. Todas as empresas galegas teñen á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas relacionadas con posibles solucións tecnolóxicas para as súas necesidades.

Así mesmo lembrar que o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

E por último, o CDTIC Virtual, un servizo de aplicacións na nube, que permite obter unha instancia dunha aplicación de Software Libre, para poder probala sen necesidade de facer unha instalación propia. Este servizo está a incorporar pouco a pouco novas aplicacións, moitas delas presentadas en anteriores artigos tecnolóxicos.

Pin It on Pinterest

Share This