Despois da polémica de fai uns meses, sobre a aparición dunha versión de pago non oficial de LibreOffice na Microsoft Store, lanzouse esta vez si, a edición oficial de LibreOffice na tenda.

Existen dous paquetes, baseados na última versión de LibreOffice de The Document Foundation, permitindo así aos usuarios de Windows 10 S poder descargar e instalar facilmente a suite ofimática (Windows 10 S soamente permite usar a tenda mencionada coma fonte de software).

Así temos por un lado a LibreOffice Vanilla, versión oficial de The Document Foundation, dispoñible por 9,99 euros (os cartos van destinados á fundación). E por outra banda, LibreOffice powered by CIB (CIB é un dos grandes contribuíntes ao desenvolvemento de LibreOffice) véndese por 14,99 euros e inclúe soporte en liña, actualizacións automáticas e correccións de seguridade durante 18 meses como se fora un modelo de subscrición, neste caso os cartos van para a empresa CIB.

A versión oficial de LibreOffice é gratuíta para todos os usuarios de Windows (excepto para Windows 10 S) pero existe unha versión non oficial, tamén gratuíta, desde a Microsoft Store chamada LibreOffice Unofficial.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This