Un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Deputación da Coruña e co CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) desenvolveu Velumap, un mapa que mostra a situación da velutina en Galicia, dispoñible en forma de app para os smartphones e como servizo WMS, que pode verse no visualizador web do CESGA.

Os Servizos Web de Mapas (WMS) son un estándar aberto e interoperable que forma parte do catálogo de servizos definidos polo Open Geospatial Consortium (OGC) e que permiten servir capas de información xeográfica de forma lixeira a través de internet, convirtíndoas en imaxes que se poden empregar en visores web, como neste do CESGA, ou ser empregados noutras aplicacións como por exemplo en sistemas de información xeográfica.

Exemplo de mapa xerado no visualizador do WMS do CESGA

A avespa velutina é unha especie invasora procedente do sueste asiático, que chegou no 2004 e se propagou por varios países de Europa, incluída España, causando grandes danos nas colmeas de abellas produtoras de mel.

VeluMap

O propósito do proxecto é ter datos en tempo real e identificar a presenza da avespa asiática en lugares pouco accesibles ou con pouca poboación, contando coa colaboración voluntaria dos usuarios que detecten a esta avespa ou as súas colmeas e informan da súa presenza mediante a app VeluMap.

Con esta información pódense producir mapas actualizados de como será a distribución da velutina en tempo real. Os resultados desta monitorización, son tamén visibles sobre o mapa da investigación.

O funcionamento da app é sinxelo, cada persoa que utilice Velumap ten que elixir se quere ofrecer observacións sobre avespas individuais ou sobre a presenza dos seus niños e achegar unha fotografía.

Este proxecto é un exemplo do que o traballo colaborativo de voluntarios na recollida de datos e o uso de tecnoloxías e mapas libres para mostrar os resultados, poden ofrecer conxuntamente.

Máis información sobre como usar servizos WMS do IGN, con exemplos de aplicacións para visualizalos.

Pin It on Pinterest

Share This