As empresas Ultreia e Librebit veñen de anunciar unha iniciativa de formación para o emprego xuvenil que rematará coa selección e contratación dun administrador de sistemas GNU/Linux en ambas empresas.

A iniciativa consiste na impartición dun curso formativo totalmente gratuíto de 380h de duración sobre administración de sistemas GNU/Linux para a computación na nube, centrado na certificación LPIC-1 e LPIC-2. O curso será presencial en Vigo, na academia Octavio, durante os meses de Novembro e Decembro. Utilizaranse e aprenderanse as máis modernas ferramentas, como Debian GNU/Linux, Amazon Web Services, NGINX, Vmware, MySQL, Ansible, Nextcloud, Puppet, OpenStack,etc

Rematadas as horas de formación realizaranse prácticas en Librebit e en Ultreia, durante o mes de Febreiro. Finalmente en Abril realizarase o proceso de selección cunha pequena proba final, para poder chegar a formar parte do equipo dunha das dúas empresas.

Os requisitos para poder participar nesta iniciativa son ter entre 16 e 30 anos e formar parte do proxecto de Garantía Xuvenil do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Non é necesaria titulación nin certificación previa, só ganas e interese por mellorar profesionalmente. Valorarase se se ten experiencia previa en administración de sistemas, en especial en sistemas Linux. Valorarase tamén a capacidade de defenderse co idioma inglés, non sendo preciso ningún título que a avale.

As persoas interesadas non teñen máis que consultar a páxina da iniciativa dende a que poderán consultar calquera dúbida así como apuntarse.

Esta iniciativa faise dende a asociación INEO e CONETIC co apoio de Red.es, cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2014-2020 con cargo ao Programa Operativo de Empleo Juvenil, co título “Formación para el empleo juvenil en la economía digital” co expediente C020/16-ED.

Pin It on Pinterest

Share This