O mantemento do soporte de software para a arquitectura Intel de 32 bits, tamén coñecida como i386 ou x86, é un tema polémico e sobre o que xa hai anos se ven discutindo.

A día de hoxe numerosas distribucións carecen de soporte para a vella arquitectura debido principalmente a dúas razóns: o pouco uso dos paquetes de software de 32 bits e o traballo e infraestrutura adicional que supón.

Hai uns días, Canonical anunciaba que a última versión da distribución Ubuntu con soporte da arquitectura de 32 bits sería a 19.10, é dicir que a última versión LTS que tería paquetes nesa arquitectura sería a actual 18.04, polo que como máximo habería soporte ata o ano 2023. Esta decisión provocou unha cantidade importante de críticas por parte de usuarios, desenvolvedores e mesmo outros proxectos ou empresas como Valve, Steam, Wine, Ubuntu Studio…

Debido ás múltiplas queixas debido á decisión de retirar o soporte de 32 bits, en Canonical tomaron a decisión de que finalmente manterán o soporte de determinados paquetes que sexan necesarios, estes paquetes serán escollidos mediante un proceso comunitario, polo que parece ser que terán en conta a opinión da comunidade de Ubuntu.

O comunicado publicado por Canonical sobre esta decisión pode consultarse nesta ligazón.

Pin It on Pinterest

Share This