Ubuntu LTS 10.04 e o seu manual oficial estarán dispoñibles mañá en galego

Mércores, 28 Abril 2010

Falta 1 día para Ubuntu 10.04 A falta de menos de 24 horas para a publicación da versión final de Ubuntu LTS 10.04 de nome Lucid Lynx, xa todo está listo para o seu lanzamento.

Canonical anunciou hai un par de días que xa está activo o servizo ship-it para solicitar o envío de CD coa nova versión ao domicilio escollido. Aínda que recomendan que de dispoñer dunha boa conexión a internet se descargue a imaxe do CD directamente, xa que os envíos poden tardar ata 10 semanas. Ademais o número de envíos está moito máis restrinxido que hai anos e recomendan que só se soliciten en caso de non poder acceder doutro xeito a Ubuntu.

E unha vez máis temos que destacar o gran traballo e esforzo que están a realizar varios dos axentes da comunidade galega do software libre para contribuír a achegar Ubuntu 10.04 a toda a cidadanía galega nas mellores condicións e no seu propio idioma:

  • Mirror de Ubuntu proporcionado pola Asociación Ousli.
  • Manual de introdución a Ubuntu en galego grazas ao traballo da Oficina de Software Libre da USC, en colaboración coa comunidade galega de localización de Ubuntu

Mirror de descarga galego

Para facilitar a descarga dos CD existen multitude de mirrors oficiais de Ubuntu, entre os que se atopa o mirror fornecido pola Asociación Ousli, do que xa vos informamos hai tempo que é un dos máis rápidos de España.

Segundo informou onte a xente de Ousli, mañá será posible descargar a iso de Ubuntu Lucid dende o seu servidor, e hoxe xa é posible configurar o voso source.list para actualizar o voso equipo á nova Lucid cambiando as seguintes liñas:

deb http://mirror.ousli.org/ubuntu/ lucid main restricted universe multiverse

deb http://mirror.ousli.org/ubuntu/ lucid-updates main restricted universe multiverse

deb http://mirror.ousli.org/ubuntu/ lucid-backports main restricted universe multiverse

deb http://mirror.ousli.org/ubuntu/ lucid-security main restricted universe multiverse

deb http://mirror.ousli.org/ubuntu/ lucid-proposed main restricted universe multiverse

Segundo informan, o seu único obxectivo con este mirror é axudar á comunidade poñendo espazo do seu servidor á disposición dos usuarios de GNU/Linux e do Software Libre en xeral.

Manual de introdución en galego

Por outra banda, como xa informamos no seu día, esta versión de Ubuntu virá acompañada por primeira vez dun completo manual de introdución baixo o nome “Comezar con Ubuntu 10.04”.

Este proxecto é un esforzo voluntario de código aberto para crear e manter documentación de calidade para Ubuntu e os seus derivados, de maneira que se contribúa a baixar a barreira de entrada de Linux para os novos usuarios e a incrementar a cota de mercado de Ubuntu.

“Comezar con Ubuntu 10.04” é unha guía para principiantes do sistema operativo Ubuntu que consta de máis de 160 páxinas creadas de forma colaborativa, que axudarán a familiarizarse coas tarefas diarias: navegar pola Web, escoitar música ou escanear documentos. As características máis salientables son:

  • Fácil de entender e con gran cantidade de capturas de pantalla.
  • Todo o material recollido nun mesmo documento.
  • Cunha curva de aprendizaxe moi curta.
  • Capítulo adicado á resolución de problemas.
  • Versión optimizada para imprimir.
  • Licenza libre CC-BY-SA, polo tanto libre para a súa descarga, lectura e modificación e …
  • Está en galego!

A Oficina de Software Libre da USC, en colaboración coa comunidade galega de localización de Ubuntu informa que acaba de rematar a tradución do manual Comezar con Ubuntu, sendo o terceiro idioma en completar a súa versión, tras a do inglés británico e a do alemán.

Segundo informan na súa web, nos vindeiros días, levarase a cabo unha revisión máis profunda na que os lectores poderán enviar as súas suxestións.

Mención especial merecen os principais tradutores polo seu esforzo de acabalo en tempo para distribuílo coa inminente saída da Ubuntu 10.04

  • Xosé Antón Gómez Méixome, lingüista e técnico de normalización lingüística do concello de Dodro.
  • Miguel Anxo Bouzada, desenvolvedor e vicepresidente da Asociación Trasno.
  • Fran Diéguez, desenvolvedor da Oficina de Software Libre da USC e membro do Ubuntu Galician Translator.
  • Enrique Estévez Fernández, enxeñeiro informático e coordinador da Oficina de Software Libre da USC.

Grazas ao seu bo facer finalmente Comezar con Ubuntu estará dispoñíble para descargar en galego totalmente de balde no sitio web do proxecto.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal