Ubuntu 16.04, a nova versión LTS, xa está dispoñible en galego

Venres, 29 Abril 2016

Ranking de idiomas na tradución de Ubuntu 16.04A semana pasada publicouse a nova versión de Ubuntu 16.04 (LTS), que terá mantemento e actualizacións durante 5 anos. Dende o proxecto Trasno, infórmannos que esta nova versión está dispoñible ao 93% na nosa lingua.

Aínda que poida parecer unha cifra baixa, comparada co 100% doutras versións, compre aclarar que as estatísticas de tradución agora recollen tanto software do ambiente de escritorio coma do novo sistema móbil polo que o 100% de nivel de tradución non estivo desta volta ao alcance de ningún idioma, nin sequera para a mínima adaptación do inglés británico.
Así pois, o equipo galego do UGT (Ubuntu Galician Translators) foi quen de manter o seu traballo de adaptación á nosa lingua local nun extraordinario nivel, entre os 20 primeiros do mundo , por riba de linguas coma o chinés ou o alemán ou o portugués cunhas comunidades de usuarios e colaboradores moito máis numerosas, polo que só cabe dicir que o equipo galego suple cantidade con calidade e esforzo.

Naturalmente non se pode esquecer que en Ubuntu, como SO e colección de software feito pola comunidade do software libre conflúe moito do traballo de localización que se fai directamente nos proxectos de orixe dos que se nutre a súa colección: GNOME, KDE, LibreOffice, FSF, Debian, etc.

Principais novidades de Ubuntu 16.04

Dende Trasno tamén nos achegan cumprida información sobre as principais novidades desta versión. Así podemos destacar:

Ubuntu 16.04 xa non será compatíbel co controlador de gráficos privativo AMD Catalyst coñecido como fglrx, recomendando o uso de alternativas libres de Radeon e AMDGPU. Isto é importante para os usuarios dunha tarxeta gráfica de AMD/ATI Raedon aos que se recomenda probar desde un Ubuntu CDLive ou USBLive antes de anovar o seu sistema, xa que os controladores libres teñen funcionalidades limitadas que poderían limitar o rendemento, algo que pode desagradar especialmente aos “gamers”. Os controladores privativos agárdase que se publiquen contra finais de ano.

Outra das principais melloras de Ubuntu 16.04 é a compatibilidade para paquetes Snappy (paquetes que incorporan as dependencias) coa idea de preparar o sistema operativo para Unity 8 e para unha futura integración cos aplicativos dos dispositivos móbiles, apuntando á converxencia de sistemas. Con isto Ubuntu ofrecerá un novo sistema de paquetería para mellorar a seguranza e a fiabilidade dos aplicativos e facilitar que os desenvolvedores poidan ofrecernos sempre as últimas versións dos programas válidas para todas as versións de Ubuntu. Non substituirán os paquetes .deb, pero ofrecen unha alternativa na que os aplicativos non estará subordinados ás dependencias para actualizarse.

Os aplicativos empaquetados en Snaps estarán illados do resto do sistema, de xeito que poderemos instalos sen preocuparnos de que o proceso afecte ao funcionamento doutros aplicativos.

Actualizacións e melloras no software

  • Linux kernel 4.4: Ubuntu 16.04 LTS baséase nunha publicación de Linux da serie 4.4 con asistencia de longa duración.
  • Chromium vén anovado á versión 48.
  • Firefox vén anovado á versión 45.
  • GNOME Calendar vén incluído predeterminadamente.
  • O Centro de Software de Ubuntu desaparece para dar paso a un máis eficaz GNOME Software para descarga de aplicativos. Deste xeito a experiencia na tenda de aplicativos será máis rápida.
  • Empathy e Brasero xa non virá instalados na versión estándar.
  • As buscas en liña do Panel veñen desactivadas predeterminadamente como demandaban moitos usuarios desde hai tempo.
  • Vén con LibreOffice 5.1 cun feixe de melloras, entre outras:
    • LibreOffice trae como predeterminado o tema Breeze de Ubuntu.
    • Mellora no guionizado (scripting) de Python e nas interfaces de programación de aplicativos (bindings).
    • Compatibilidade para WebDAV vía HTTPS.
    • Procesador de textos Writer. Engadida a posibilidade solicitada dende hai moito tempo de agochar os espazos baleiros entre páxinas de xeito que todos os bordos superiores e inferiores das páxinas, os números de páxina e a área en gris entre elas poida ocultarse.
    • A combinación de correspondencia (mailmerge) en Writer pode usar follas de cálculo como orixe de datos http://vmiklos.hu/blog/mail-merge-embedding.html

Anovación ou instalación de Ubuntu 16.04:

Para os que xa dispoñan dunha versión anterior de Ubuntu, só é preciso seguir estes pasos:

  • Ir a Software e actualizacións nos axustes do sistema.
  • Seleccionar a terceira lapela chamada Actualizacións.
  • Activar a opción «Notificarme de novas versións de Ubuntu» no menú despregábel e selecciona «Para calquera versión».
  • Premer Alt+F2 e escribir «update-manager» (sen comiñas) na caixa de ordes.
  • O xestor de actualizacións debería abrir e informar de que está dispoñíbel a nova distribución 16.04 LTS.
  • Premer Anovar e seguir as instrucións da pantalla.

Se non aparece ese aviso pódese tentar forzar a anovación desde a liña de ordes executando: sudo do-release-upgrade

Para os que non dispoñan dunha versión anterior de Ubuntu, só teñen que descargalo dende o portal de Ubuntu para escritorio.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal