Logo  de TrasnoDende o Proxecto Trasno anuncian a publicación dunha nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego e do engadido para utilizalo no navegador Mozilla Firefox.

A nova versión do corrector ortográfico bautizárona como Hunspell 13.10 «Padre Sobreira». Estivo baixo a coordinación de Antón Méixome e con importantes contribucións de Adrián Chaves. Con esta publicación, segundo contan dende Trasno, preséntase unha moi relevante actualización do corrector e que podemos empregar xa con LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird e Chromium ademais de diversos aplicativos privativos.

O corrector Hunspell é a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o galego. As novidades que trae consigo esta versión son:

  • A refabricación do código de xeración do dicionario
  • Terse engadido novas fontes, especialmente derivadas da Galipedia; (toponimia e onomástica), unidades, * marcas e terminoloxía informática
  • A incorporación de suxestións da comunidade
  • Terse engadido ducias de regras de suxestións para erros frecuentes
  • A corrección de erros de morfoloxía e afinación de determinadas conxugacións verbais
  • Unha completa recollida de datos históricos sobre o desenvolvemento

Instalación nas suites ofimáticas

A descarga do corrector pode facerse dende o blog da comunidade de tradución ao galego das suites ofimáticas libres.

En LibreOffice ou OpenOffice engádese o corrector como unha extensión máis. En LibreOffice Writer teríamos que facer clic en “Ferramentas” -> “Xestión de extensións” e seleccionar o ficheiro descargado antes (hunspell-gl-13-10.oxt.zip). Nese momento realízase a instalación. Comprobade que no Xestor de extensións o corrector estea activado e que cando se queira usar o corrector que a lingua do documento sexa o galego (na barra inferior da xanela de LibreOffice e OpenOffice indícase a lingua do documento).

Instalación en Mozilla Firefox

Para poder empregalo no navegador web Mozilla Firefox é preciso instalar dun dos dous engadidos dispoñibles grazas ao traballo de damufo:

Pode ser de utilidade para os usuarios que queiran ter as dúas versións do corrector instaladas, facerse co Dictionary Switcher para poder intercambiar o modelo de corrección que necesitamos. Pode ser de interese tamén ver outros engadidos de Firefox prácticos para o galego.

Instalación en sistemas operativos da familia Debian

Fran Diéguez está preparando paquetes .deb que permitirán a instalación automática nos sistemas operativos baseados en paquetería Debian e que estarán dispoñíbeis no repositorio de código libre SourceForge:

Contribuír á mellora do corrector

Dende Trasno animan a todos a probar o corrector ortográfico e a enviar achegas (erros, suxestións …) para axudar a melloralo. Para iso,

  • Asegurádevos de instalar correctamente a última versión do corrector
  • Se atopades un erro, comprobádeo dúas veces. Acudide ao dicionario e a outras fontes bibliográficas e asegurádevos de que si que é un erro. É un termo que aparece marcado como un erro pero non o é?. Ou o contrario, é un termo que o corrector non o subliña pero que si que o é?.
  • Se hai ese erro informádenos del escribindo ao correo “info (at) trasno.net” ou directamente dende as redes socias de Trasno, dando a información completa da frase na que descubristes o erro ou definindo o termo que vexades que falta.

Con iso, nas seguintes versións o corrector mellorará grazas ás vosas achegas.

Trasno

O Proxecto Trasno é unha comunidade aberta, nada no ano 1999, que se adicamos a traducir o software libre á lingua galega. Ademais disto, realiza algúns proxectos de desenvolvemento, como xestores de memorias de tradución ou a mellora do corrector ortográfico.

Todos os interesados en contribuír a dinamización da lingua galega nas TIC, e concretamente no software libre, poden unirse a esa comunidade.

Pin It on Pinterest

Share This