Dende o Proxecto Trasno anuncian a publicación dunha nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego e do engadido para utilizalo no navegador Mozilla Firefox.
A nova versión do corrector ortográfico bautizárona como Hunspell 13.10 «Padre Sobreira». Estivo baixo a coordinación de Antón Méixome e con importantes contribucións de Adrián Chaves. Con esta publicación, segundo contan dende Trasno, preséntase unha moi relevante actualización do corrector e que podemos empregar xa con LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird e Chromium ademais de diversos aplicativos privativos.
O corrector Hunspell é a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o galego. As novidades que trae consigo esta versión son:
- A refabricación do código de xeración do dicionario
- Terse engadido novas fontes, especialmente derivadas da Galipedia; (toponimia e onomástica), unidades, * marcas e terminoloxía informática
- A incorporación de suxestións da comunidade
- Terse engadido ducias de regras de suxestións para erros frecuentes
- A corrección de erros de morfoloxía e afinación de determinadas conxugacións verbais
- Unha completa recollida de datos históricos sobre o desenvolvemento
Instalación nas suites ofimáticas
A descarga do corrector pode facerse dende o blog da comunidade de tradución ao galego das suites ofimáticas libres.
En LibreOffice ou OpenOffice engádese o corrector como unha extensión máis. En LibreOffice Writer teríamos que facer clic en “Ferramentas” -> “Xestión de extensións” e seleccionar o ficheiro descargado antes (hunspell-gl-13-10.oxt.zip). Nese momento realízase a instalación. Comprobade que no Xestor de extensións o corrector estea activado e que cando se queira usar o corrector que a lingua do documento sexa o galego (na barra inferior da xanela de LibreOffice e OpenOffice indícase a lingua do documento).
Instalación en Mozilla Firefox
Para poder empregalo no navegador web Mozilla Firefox é preciso instalar dun dos dous engadidos dispoñibles grazas ao traballo de damufo:
- Corrector comunidade que inclúe achegas da comunidade e outra que só contén os termos recollidos
- Corrector VOLGa que só contén os termos recollidos polo VOLGa (Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega).
Pode ser de utilidade para os usuarios que queiran ter as dúas versións do corrector instaladas, facerse co Dictionary Switcher para poder intercambiar o modelo de corrección que necesitamos. Pode ser de interese tamén ver outros engadidos de Firefox prácticos para o galego.
Instalación en sistemas operativos da familia Debian
Fran Diéguez está preparando paquetes .deb que permitirán a instalación automática nos sistemas operativos baseados en paquetería Debian e que estarán dispoñíbeis no repositorio de código libre SourceForge:
Contribuír á mellora do corrector
Dende Trasno animan a todos a probar o corrector ortográfico e a enviar achegas (erros, suxestións …) para axudar a melloralo. Para iso,
- Asegurádevos de instalar correctamente a última versión do corrector
- Se atopades un erro, comprobádeo dúas veces. Acudide ao dicionario e a outras fontes bibliográficas e asegurádevos de que si que é un erro. É un termo que aparece marcado como un erro pero non o é?. Ou o contrario, é un termo que o corrector non o subliña pero que si que o é?.
- Se hai ese erro informádenos del escribindo ao correo “info (at) trasno.net” ou directamente dende as redes socias de Trasno, dando a información completa da frase na que descubristes o erro ou definindo o termo que vexades que falta.
Con iso, nas seguintes versións o corrector mellorará grazas ás vosas achegas.
Trasno
O Proxecto Trasno é unha comunidade aberta, nada no ano 1999, que se adicamos a traducir o software libre á lingua galega. Ademais disto, realiza algúns proxectos de desenvolvemento, como xestores de memorias de tradución ou a mellora do corrector ortográfico.
Todos os interesados en contribuír a dinamización da lingua galega nas TIC, e concretamente no software libre, poden unirse a esa comunidade.
