Tegnix, da que vos falamos a pasada semana pola súa participación na iniciativa Wikiskills, volve ser noticia, desta volta pola creación e apertura da Rede Social Profesional sobre Software Libre.

Imaxe da rede social de TegnixSegundo anuncian os creadores desta rede social, o obxectivo da mesma é proporcionar aos profesionais e interesados no software libre un espazo de encontro, de comunicación e colaboración onde intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades, iniciativas, etc.

Segundo nos conta Roberto Brenlla, aínda que a rede nace como complemento a Aula Tegnix, para favorecer outros tipos de aprendizaxe, especificamente a non formal e a informal, trátase dunha rede social aberta ao público en xeral, co único requisito de compartir información e coñecementos sobre Software Libre fundamentalmente de carácter profesional.
Así, nesta rede ademais dos docentes e alumnado de aula Tegnix, que xa teñen grupos formados polas temáticas da aula, poderán rexistrase e participar todos aqueles profesionais ou interesados no Software Libre. A rede permitirá compartir coñecementos, dúbidas, inquedanzas, e obter sinerxías dificilmente alcanzables con outras metodoloxías. A participación nesta rede será non só en beneficio individual senón tamén colectivo.

Os contidos da rede serán pois supervisados para garantir en todo momento que se axustan a estes obxectivos e evitar que se desvirtúen con publicacións non relacionadas. Como a rede está orientada fundamentalmente a Iberoamérica, os idiomas preferidos para a mesma son ademais do inglés como estándar no eido da informática, o galego, o español e o portugués.

Os creadores da rede animan a “participar librementeneste rede. Só é preciso inscribirse e comezar a desfrutar e aprender enviando ou recomendando artigos, comentando, subindo fotos, vídeos, coñecendo a profesionais con intereses comúns ou conversando en The Wire, o plugin da rede social para microbloggin estilo twitter.

Esta rede posta en marcha por Tegnix é unha implantación e adaptación baseada na rede social libre ELGG, o mesmo software que emprega outra rede social temática galega como é Redeiras, a rede social para a intercomunicación do profesorado dos centros educativos da comunidade galega dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Pin It on Pinterest

Share This