Logotipo de Aula TegnixTegnix anuncia que vén de publicar en aberto e de balde, tanto en galego como en castelán, en Aula Tegnix o curso de introdución ao uso de wikis en educación.

Este curso baséase nos materiais elaborados dentro do proxecto europeo WikiSkills, no que participaron o CESGA en colaboración con outras seis institucións europeas baixo a coordinación da fundación Ynternet.org. Co obxectivo de incrementar a difusión dos materiais formativos dispoñibles, o CESGA encomendou a Tegnix a coordinación e xestión desta nova fase do proxecto para completar os materiais iniciais e difundilos a través da Aula Tegnix. No pasado mes de novembro, xa vos informamos da participación de Tegnix no grupo wikiskills.

Para esta tarefa Tegnix contou tamén coa colaboración de Antonio Gregorio e Elisardo Juncal, integrantes de Galipedia, para crear os contidos da sección "Comunidade" así como para a tradución do curso completo á nosa língua.
Así agora mesmo, o curso está dispoñible para que calquera o poida seguir, tanto en galego como en castelán, en Aula Tegnix e en breve tamén o estará en Aula Cesga.

Trátase dun curso totalmente en liña, no que se proporcionan materiais de aprendizaxe de forma secuenciada, para que cada un poida ir avanzando ao seu ritmo, ou ben buscando a sección que máis lle interesa. Os obxectivos do mesmo son:

  • Animar ás comunidades educativas actuais a contribuír coa sociedade da información
  • Fomentar e fortalecer o uso de Wikis na comunidade educativa
  • Fomentar as habilidades no uso de Wikis tanto en profesores como en alumnos

O temario do curso é o seguinte:

  1. Introdución
  2. Coñecemento básico sobre Wikis
  3. Ensinando con Wikis
  4. Creando materiais educativos
  5. Comunidade
  6. Licenzas
  7. Documentos adicionais
  8. Ligazóns

Para acceder ao curso en Aula Tegnix só é preciso premer o botón "entrar como convidado", sen necesidade de rexistro, e aceptar o acordo das condicións do sitio. Os materiais deste curso teñen licenza CC-by-sa.

O proxecto WikiSkills tiña por obxectivo potenciar e fomentar o uso de wikis así como desenvolver cursos de formación para consolidar as habilidades wiki na sociedade actual.

As ferramentas wiki son usadas por todo o mundo como ferramentas colaborativas e participativas maiormente para organizar e desenvolver información dun grupo aberto de usuarios. WikiSkills pretende unirse á dinámica de aprendizaxe das Tecnoloxías da Información co seu aspecto colaborativo social que pode ser un importante valor engadido para a sociedade, pretende investigar o seu impacto na sociedade porque implica comportamentos sociais moi importantes, tales como cooperación, respecto, traballo en equipo, desenvolvemento de contidos e xestión comunitaria. WikiSkills conseguiría estes obxectivos proporcionando cursos de formación sobre as ferramentas wiki e as habilidades para traballar con elas aos grupos obxectivo. Estes cursos proporcionarán un entendemento básico das novas tecnoloxías da información e a comunicación e uso participativo de Internet.

O grupo WikiSkills está conformado por expertos de toda Europa con amplo percorrido en Software Libre, e-learning, redes sociais, ferramentas Wiki, negocios, colaboración e apertura do coñecemento.

Pin It on Pinterest

Share This