O próximo 16 de outubro, en horario de 16.30 a 18.30, terá lugar unha nova sesión demostradora no CDTIC en Santiago de Compostela. Nesta ocasión mostrarase a solución FacturaScripts da man de Ítaca Software Libre, software de planificación de recursos empresariais (ERP) e da administración da relación cos clientes (CRM).

Se estás cansado de tediosos programas de facturación e contabilidade, onde é necesario configurar centos de opcións antes de empezar a traballar, esta é unha boa alternativa.

Sesión demostradora dirixida a xerentes e contables de pemes e para calquera tipo de organizacións.

FacturaScripts


FacturaScripts (aloxada no CDTIC virtual para facilitar a súa proba e aprendizaxe), é un programa sinxelo de utilizar, e ao mesmo tempo, accesible e potente, que permite levar a contabilidade da túa empresa sen esforzo.

Pensado especialmente para PEMES, autónomos e asociacións.

Tamén é un excelente programa para facer orzamentos e permite, cun par de clics, convertelos en pedidos, albarás ou facturas, co que aforra tempo de xestión. Conta tamén coa posibilidade da xestión do catálogo de produtos e a xeración automática de asentos contables, ademais dun extenso catálogo de plugins e actualizacións periódicas froito da activa comunidade arredor do proxecto.

Debido a que é accesible mediante unha web, os usuarios terán acceso aos datos, así como plena capacidade de xestión dende calquera dispositivo con acceso a Internet e un navegador web.

Programa

• Presentación práctica dos módulos de FacturaScripts: contabilidade, facturas e orzamentos.
• Explicación do funcionamento básico dos módulos de FacturaScripts.
• Exposición dun caso de xestión empresarial.
• Realización dun exercicio práctico.

Organizan

Amtega, Agasol SwL e Ítaca Software Libre.

Agasol

Iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun sector en fase expansiva en Galicia e, ao tempo, promover un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos.

Ítaca software libre

Consultora informática que, apoiándose en sistemas de código aberto e software libre, ofrécelles ás empresas e todo tipo de organizacións, servizos de consultoría informática de gran valor engadido.
Forman unha cooperativa desde o ano 2007. Ofrecen consultoría, asesoramento e desenvolvemento de servizos informáticos da cidade de A Coruña.

Inscrición

É necesaria a inscrición previa para poder asistir á sesión demostradora a través desta web.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This