O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Economía, Emprego e Industria segue a promover cursos de adaptación tecnolóxica baseados en Software Libre.

O vindeiro día 26 de abril de 2017 terá lugar un novo seminario esta vez a cerca da plataforma OpenShift de Red Hat.

OpenShift é un proxecto de computación na nube (cloud computing) que proporciona plataforma como servizo (PaaS), o que se coñece coma unha plataforma para diferentes frameworks aprovisionados e administrados a través da rede. Este tipo de ferramentas permiten aos desenvolvedores abstraerse dos recursos, librerías e servizos necesarios para despregar as súas aplicacións, para centrarse no que realmente importa, o desenvolvemento, pero coa capacidade de probar o seu código nunha plataforma estable e neutra.

PaaS evita o gasto e a complexidade que supón un despregue e a administración de plataformas, ofrecendo homoxeneidade entre as distintas contornas (Dev/QA/Prod). OpenShift encárgase de prover os frameworks necesarios para facer funcionar a aplicación, así como de crear regras de redireccionarmento cara aos recursos necesarios, creando rutas, abrindo portos e axustando as regras do firewall.

OpenShift é un software libre e de código aberto distribuído baixo os termos da licenza Apache, baixo o auspicio de Red Hat e inspirado na tecnoloxía de contedores Docker.

O detalle da axenda pódese consultar na anuncio do curso na web do CNTG mais a axenda centrarase na explicación do paradigma dun modo práctico no que se amosarán exemplos de arquitectura e funcionamento.

O relator da xornada será José David Martín Neto, instrutor cunha longa traxectoria docente en contornas Red Hat e Middleware JBoss, tanto a nivel de administración como de desenvolvemento, e acreditado como Red Hat Certified Instrutor, Engineer, JBoss administrator e JBoss developer.

O acceso ao seminario, previa inscrición que se realizará en liña a través do portal web do CNTG, é gratuíto e condicionado ao aforamento do local. O acceso para aquelas persoas NON inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 25 de abril. Pode inscribirse no evento a través desta ligazón: https://cntg.xunta.es/web/cnt/acontecimientos.

Pin It on Pinterest

Share This