Ángel Sánchez, conservador do Museo de Prehistoria de Valencia, publicou o segundo volume da novela gráfica histórica Balkar. “Balkar. El compromiso de la Dama” é o título desta segunda entrega.

Trátase dunha historia de ficción ambientada na Antiga Iberia (séculos VI-I A.C.) e que segue o clásico esquema do periplo do heroe. A novela pretende manter o maior rigor histórico posible en aspectos como vestimenta, armamento, arquitectura, ferramentas, elementos domésticos, …

O seu autor comenta:
“na súa realización, seguín o mesmo esquema de traballo que no primeiro volume e, por suposto, empreguei as miñas ferramentas preferidas de software libre: Inkscape soporta o maior peso por ser o programa que utilizo para debuxar cada unha das viñetas (aproveitei para dar o salto á versión 1.0), Gimp supón unha gran axuda para o retoque de imaxes e fondos, Blender resúltame indispensable para crear modelos de referencia e fondos arquitectónicos, mobiliario, etc. E, por último, Scribus permitiume completar o deseño e maquetación do libro.”

A novela está dispoñible en Amazon en versión Kindle e tapa branda.

Se queredes saber máis sobre a obra e o autor, non vos perdades o programa 54 de Mancomún Podcast onde entrevistamos a Ángel Sánchez cando publicou a primeira parte desta historia:
https://www.mancomun.gal/noticias/54-mancomun-podcast-creacion-de-novelas-graficas-con-software-libre-angel-sanchez/

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This