Sae á luz a cuarta entrega de Xeración Ñu

Martes, 12 Febreiro 2019

Xeración Ñu é unha publicación dixital galega sobre cultura libre que naceu o ano pasado coa idea de dar a coñecer e afondar na cultura libre galega tendo un enfoque non só no software e hardware senón tamén tendo unha sección con contidos sobre a filosofía libre así como as áreas máis creativas como poden ser a música, a fotografía e a edición gráfica.

No quarto número de Xeración Ñu podemos atopar un artigo de Andrés Diz sobre a FSFE (Free Software Foundation Europe) no cal nos conta a importancia de ter esta fundación, así como os seus obxectivos e campañas. Na sección sobre Android, Miguel Ángel Rodríguez Muiños fala dun compendio de ferramentas libres para Android chamadas Simple Movile Tools no cal realiza unha presentación e descrición das mesmas. No artigo de Miguel Franco e Anxo Tato, membros de SRD Galicia, contan en que consiste a radio definida por software falando de algún proxectos libre existentes como GNU Radio. Dentro da área musical deste número pódese apreciar o artigo de Alejandro Rodríguez Antolín sobre a utilización de ferramentas libres como Audacity, Sonic Visualizer, Musescore e Lilypond para a preservación de música tradicional. Esta edición tamén conta co suplemento cultural mediante fotografías e relatos, así como co podcast de Xeración Ñu Radio que conta con entrevistas e co contido de son do mesmo.

Esta nova entrega trátase do número tres, por comezar a numeración no cero, correspondente ao mes de xaneiro, a cal estrea a súa publicación na plataforma Internet Archive e contando coa meirande parte dos seus contidos en formato de son mantendo tamén a dispoñibilidade dos artigos en pdf, pode atoparse neste enlace e o seu contido está licenciado maioritariamente mediante unha licencia libre Creative Commons BY-SA (con atribucións á autoría orixinal e compartir de igual xeito).

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal