Remata o prazo de inscrición para a formación en bases de datos NoSQL e MongoDB no CNTG

Mércores, 17 Setembro 2014

Logotipo de MongoBD

Como xa informamos o pasado mes, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) incorpora por primeira vez na súa oferta formativa formación sobre bases de datos NoSQL e MongoDB:

O 25 de setembro finaliza o prazo para inscribirse no curso “Administración e desenvolvemento de bases de datos MongoDB”, que inclúe a posibilidade de realizar, ao finalizar o mesmo, dous exames de certificación: MongoDB certified DBA associate e MongoDB certified developer.

Aquelas persoas que non teñan claro se é un curso do seu interese, poderán tirar proveito do seminario técnico sobre bases de datos NoSQL e MongoDB, do vindeiro día 23 de setembro. É posible inscribirse neste seminario ata o día 22, estando limitada a asistencia sen inscrición á dispoñibilidade de aforo.

Seminario técnico sobre bases de datos NoSQL e MongoDB

O seminario celebrarase en horario de mañá, de 9:30 a 13:30 horas, no salón de actos do propio CNTG, e correrá a cargo de Sergio Rodríguez, director de formación da empresa Core Networks e instrutor oficial de Cloudera, con varias certificacións Hadoop e colaborador habitual en xornadas sobre Big Data.

O obxectivo do seminario é dar a coñecer ao público asistente as características técnicas, potencialidade e usos das bases de datos NoSQL en comparación coas tradicionais bases de datos SQL. O seminario centrarase fundamentalmente en MongoDB, unha base de datos NoSQL orientada a documentos, multiplataforma, open source e gratuíta cunha estreita relación co concepto de Big Data.

Este seminario vai dirixido preferentemente a administradores de bases de datos e, en xeral, a desenvolvedores, administradores de sistemas e persoal técnico das TIC interesados en adquirir coñecementos sobre a materia.

A asistencia ao seminario é totalmente gratuíta, condicionada ao aforo do local, polo que é preciso inscribirse a través do portal web do CNTG para garantir a dispoñibilidade dunha praza. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 22 de setembro. O acceso ao salón de actos para aquelas persoas NON inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento.

Administración e desenvolvemento de bases de datos MongoDB

Ofertanse un total de 40 prazas en total para as dúas edicións do curso “Administración e desenvolvemento de bases de datos MongoDB”:

  • Edición da mañá : do 14 ao 31 de outubro, de luns a venres de 09:30 a 13:50 horas.
  • Edición de tarde, prioritaria para ocupados/as: do 13 ao 30 de outubro, de luns a xoves de 16:30 a 20:50 horas.

O obxectivo deste curso é formar aos asistentes naqueles coñecementos e capacidades necesarias para implementar e manter unha base de datos MongoDB, diagnosticar problemas, optimizar o rendemento, importar e exportar datos e deseñar e establecer políticas axeitadas de seguridade. Igualmente ao remate da acción formativa os/as alumnos/as serán capaces de crear e deseñar aplicacións utilizando MongoDB incluíndo unha introdución a MapReduce.

O programa é o seguinte:

  • Administración de MongoDB
    • Introdución: conceptos, contorna e instalación
    • CRUD e MongoDB Shell. MongoDB API
    • Replicación. Creación de conxuntos de réplicas
    • Sharding. Como afecta o emprego de sharding ao deseño de aplicacións
    • Rendemento. Indicadores e solución de problemas
    • Monitorización. Configuración, integración de solucións e alertas
    • Copias de seguridade e restauración. MongoDump
  • Desenvolvemento con MongoDB
    • Introdución: conceptos, contorna, JSON
    • CRUD e MongoDB Shell. MongoDB API
    • Indexación e deseño de esquemas
    • Drivers. Funcionamento xeral e exemplos
    • Replicación. Descrición xeral e conxunto de réplicas
    • Sharding
    • Rendemento. Obtención de información e indicadores
    • Índices GeoSpatial
    • GridFS
    • Agregación
    • Q&A e traballo práctico

Dirixido a administradores/as de bases e desenvolvedores/as interesados/as profesionalmente en adquirir competencias e coñecementos en MongoDB.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal