Logotipo PyDay 2016 GaliciaO PyDay é un evento organizado polas comunidades locais de Python ao longo de toda España. Celébrase de xeito simultáneo durante a semana do 12 ao 18 de Setembro nas distintas cidades de España. Aquí en Galicia e desde o grupo de Python Vigo, en colaboración coa Asociación GHANDALF, organizaranse charlas durante o día 17 e talleres os días previos.
O PyDay é un evento no que as comunidades locais de desenvolvedores Python pretenden dar maior visibilidade a esta linguaxe de programación. Durante toda a fin de semana estes grupos locais de desenvolvedores coordinan os seus esforzos para dar a coñecer Python a través de charlas, talleres e meetups ou dojos.

O PyDay realízase a nivel mundial. En España están previstas celebracións en 7 das comunidades autónomas. O evento de Vigo, sendo o primeiro do seu tipo celebrado en Galicia, é o único que se celebra en toda a parte noroeste da península. Segundo a organización, será unha xornada onde se desfrutará de distintas charlas ao longo de todo o día con café e comidas incluídas. A planificación completa do evento estase a detallar na propia web da organización.

Nesta actividade colabora a Asociación GHANDALF ao abeiro do Convenio de colaboracion entre as AGULS e a AMTEGA para a difusion do Software Libre en Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This