GNOME en galegoO Proxecto Trasno anunciou a nova versión de GNOME 3.22 completamente traducida ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que se mantén o nivel de tradución da interface no 100%.

GNOME 3.22 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 22980 cambios realizados por 775 contribuidores aproximadamente.
Novidades na tradución ao Galego

Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación:

  • Tradución dos aplicativos de GNOME: Como sempre mantívose o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%, incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.

  • Tradución da documentación base: Debido a limitacións de recursos para o proceso de tradución a documentación base dos aplicativos non acadou o mesmo nivel que o da interface. Neste senso, nos vindeiros meses trasno comezará un proxecto, ao que convida abertamente a axudar, no que tentarase revisar e completar módulos da documentación que máis útil lle resulte ao usuario (primeiros pasos, axuda do escritorio, axuda do explorador de ficheiros, …).

Novidades de GNOME 3.22

GNOME 3.22 continúa o traballo das publicacións anteriores, coa mellora e inclusión de novos aplicativos, que conforman un ambiente de escritorio integrado e coherente no seu conxunto, facendo o seu uso máis doado e intuitivo.

Entre as melloras poderíamos destacar:

  • Integración con Flatpak, o novo sistema de distribucións de aplicativos para Linux que tenta facer máis doado distribuír aplicativos para Linux.

  • Mellora do aplicativo Ficheiros permitindo cousas como renomear varios arquivos á vez, mellora na integración coa compresión de arquivos

  • Incorporouse a habilidade para compartir fotos con outras persoas. Esta nova característica permítelle compartir fotos subíndoas a Google, ou enviándoas como anexos dun correo electrónico.

  • O aplicativo Software conta con unha aparencia actualizada para GNOME 3.22.

  • Ademáis mellorouse a integración coa tecnoloxía Wayland, completando a maioría das características que faltaban.

Como obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.22 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.22 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na páxina web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Axuda ao equipo de traducción do Proxecto Trasno

Se tes interese en axudar a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudar a mellorar este software.

Pin It on Pinterest

Share This