Logo da OSL da USC Dende a OSL da USC infórmannos da publicación dos resultados obtidos do II Fiadeiro de localización de software libre.

Como vos informamos no seu día, un dos obxectivos principais deste fiadeiro eran impulsar a comunidade universitaria de localización ao galego de software libre ofrecendo formación técnica e práctica de xeito que ao tempo se contribuíra a dispoñer do software que se use na USC en galego, mediante os procesos de localización.

Oito novos aplicativos dispoñibles en galego

Aínda que a organización prevía inicialmente localizar ata16 pequenos aplicativos, finalmente ao contar só con sete asistentes cunhas competencias en galego, inglés e informática heteroxéneas, a lista viuse reducida a oito aplicativos. Estes aplicativos localizados estarán á disposición de calquera que teña instalado Ubuntu-USC no seu ordenador, xa que coa vindeira actualización automática hánselle instalar estas ferramentas, dalgunha das cales xa podemos visualizar a súa interface en galego. Posto que as traducións se enviaro aos proxectos orixinais, a medida que o resto de distribucións fagan actualizacións dos paquetes de idioma tamén estarán estes aplicativos dispoñibles en galego.
Trátase de:

  • Déjà Dup ferramenta sinxela para facer copias de seguranza. Permite cifrar os datos das copias, así como programalas para que se realicen periodicamente.
  • Pybliographer, ferramenta para a xestión de bases de datos bibliográficas, cunha interface amigable, que permite inserir e editar citas en procesadores de texto, buscando en bases de datos externas como PubMed, Web of Science, Citeseer e moitas máis.
  • Pyrenamer aplicativo que permite facer cambios masivos de nome a múltiples ficheiros.
  • Pino, cliente en liña de Twitter e Identi.ca para sistemas GNU/Linux.
  • GNOME Split, ferramenta que permite dividir ficheiros en anacos e logo volver unilos nun só.
  • Gnac, aplicativo para o escritorio GNOME para a conversión de música entre todos os formatos de son de GStreamer.
  • Entertainer é un centro multimedia que usa GStreamer para a reprodución de contidos multimedia.
  • Goobox é un reprodutor de CD e extractor, que usa GStreamer para reproducir e gravar, obter e editar os metadatos de CD, os títulos das pistas e o nome do álbum.

Avaliacións, diplomas e premio

Segundo as valoracións que os organizadores fixeron do traballo realizado, o nivel de calidade das localizacións foi alto, cunha media de corrección lingüística dun 8.6, o que permite concluír que con axuda, e sobre todo, ganas, calquera pode contribuír a unha maior presenza do galego no software libre.

O gañador do premio «Máis e mellor» é o alumno de Física Javier Villar Bello que recibirá un diploma acreditativo e 226 euros como recoñecemento económico ao traballo realizado. A organización cuantifica a totalidade das traducións efectuadas en máis de 1.050 euros.

Todos os participantes, recibirán un crédito de libre configuración, ademais dun diploma de participación na actividade no que constará o traballo de localización da aplicación que se lle encomendara; do mesmo xeito, que figurarán nos créditos propios da versión localizada.

A avaliación da actividade por parte dos asistentes foi moi satisfactoria dándolle unha puntuación global de 3.86 sobre 4.

A valoración global da organización é tamén moi positiva polo que afirman que “seguirá habendo máis edicións, e tentaremos seguir mellorando”. Destacan especialmente a incorporación dalgúns dos asistentes á comunidade galega de localización de Software Libre, así como a colaboración de Xosé Antón Gómez Méixome, lingüista e técnico de normalización lingüística do concello de Dodro.

Fonte: OSL da USC

Pin It on Pinterest

Share This