Xa está publicado o sexaxésimo terceiro número do Boletín de Software Libre para o sector Empresarial, correspondente a este mes de Setembro. O proxecto destacado deste mes é SHAP (SHapley Additive exPlanations), un enfoque á teoría de xogos para explicar o resultado de calquera modelo de aprendizaxe automática.

No apartado de novas destacamos a publicación de dúas pílulas en vídeo sobre a configuración da máquina virtual para a sinatura dixital, unha compilación de alternativas libres para o Kit dixital e a publicación da Base Topográfica de Galicia 2020 en estándar aberto.

Boletín Software Libre na Empresa

Este boletín xurde polo éxito e o interese que está a ter o boletín adicado a mostrar as solucións de software libre que se están a empregar en diferentes administracións públicas. No caso deste novo boletín, tanto os proxectos e ferramentas destacadas como os casos de éxito e as novas recompiladas están orientada ao sector empresarial galego, tratando de difundir casos de éxito de aplicacións de software libre que están sendo empregadas por outras empresas ou ferramentas e proxectos de software libre que poden resultar de interese para o tecido empresarial, tanto para uso propio como tamén como posible opción de xerar negocio a través del.

Ademais de recompilar diferentes novas sobre solucións con software libre, todos os meses destacarase un proxecto ou ferramenta de software libre, así como un caso de éxito de implantación da mesma por parte dunha empresa, tratando de dar a coñecer non só a solución como tal senón mostrando un exemplo de que está a ser empregado e solucionando unha necesidade que calquera outra empresa pode ter tamén.

Pin It on Pinterest

Share This