Xa está publicado o segundo número do Boletín de Software Libre para o sector Empresarial, correspondente a este mes de Xullo. Neste número o proxecto destacado é WordPress, un xestor de contidos orientada á creación de sitios en Internet. WordPress é unha das solucións máis empregadas, no só dentro das alternativas de software libre, senón de xeito xeral, xa que un 28% dos sitios web en Internet están soportados por esta ferramenta. A súa modularidade e facilidade de uso son os motivos fundamentais deste éxito, xa que permite dende crear unha sinxela páxina para unha empresa pequena ata un portal máis complexo con diferentes servizos para unha gran entidade.

No apartado de novas destacamos, ademais da publicación dunha nova versión de WordPress, un caso de éxito interesante de uso de Ansible, unha ferramenta de software libre que permite automatizar gran parte do proceso de mantemento dunha infraestrutura informática, dentro de calquera organización independentemente do seu tamaño. Tamén destacamos outra ferramenta interesante dende o punto de vista de seguridade, que nos axudará a manter unha base de datos de contrasinais robustas para diferentes servizos.

Boletín Software Libre na Empresa

Este boletín xurde polo éxito e o interese que está a ter o boletín adicado a mostrar as solucións de software libre que se están a empregar en diferentes administracións públicas. No caso deste novo boletín, tanto os proxectos e ferramentas destacadas como os casos de éxito e as novas recompiladas están orientada ao sector empresarial galego, tratando de difundir casos de éxito de aplicacións de software libre que están sendo empregadas por outras empresas ou ferramentas e proxectos de software libre que poden resultar de interese para o tecido empresarial, tanto para uso propio como tamén como posible opción de xerar negocio a través del.

Ademais de recompilar diferentes novas sobre solucións con software libre, todos os meses destacarase un proxecto ou ferramenta de software libre, así como un caso de éxito de implantación da mesma por parte dunha empresa, tratando de dar a coñecer non só a solución como tal senón mostrando un exemplo de que está a ser empregado e solucionando unha necesidade que calquera outra empresa pode ter tamén.

 

 

 

Pin It on Pinterest

Share This