Este mes de xuño publicamos no portal o primeiro número do Boletín de Software Libre para o sector Empresarial, o cal terá unha periodicidade mensual, do mesmo xeito que ocorre co Boletín de Reutilización de Software Libre na Administración e que vai xa polo número trinta e cinco.

Esta iniciativa xurde precisamente polo éxito e o interese que está a ter o boletín adicado a mostrar as solucións de software libre que se están a empregar en diferentes administracións públicas. No caso deste novo boletín, tanto os proxectos e ferramentas destacadas como os casos de éxito e as novas recompiladas están orientada ao sector empresarial galego, tratando de difundir casos de éxito de aplicacións de software libre que están sendo empregadas por outras empresas ou ferramentas e proxectos de software libre que poden resultar de interese para o tecido empresarial, tanto para uso propio como tamén como posible opción de xerar negocio a través del.

Ademais de recompilar diferentes novas sobre solucións con software libre, todos os meses destacarase un proxecto ou ferramenta de software libre, así como un caso de éxito de implantación da mesma por parte dunha empresa, tratando de dar a coñecer non só a solución como tal senón mostrando un exemplo de que está a ser empregado e solucionando unha necesidade que calquera outra empresa pode ter tamén.

Primeiro número do Boletín Empresarial

Neste primeiro número que estreamos este mes de Xuño, destacamos como ferramenta o xestor documental Alfresco. Esta ferramenta é unha das máis empregadas por entidades de todo tipo, xa que a xestión da documentación é unha necesidade de calquera empresa hoxe en día. Ben sexa documentación relativa ao proceso de negocio ou de natureza administrativa, como facturas, contratos, etc… dispoñer dunha ferramenta que permita mantela ordenada e facilite o seu control e poder atopar calquera documentación de xeito sinxelo, é un gran aforro de tempo para calquera empresa. Alfresco é non só unha referencia deste tipo de ferramentas no ámbito do software libre, senón que é unha das ferramentas máis empregadas en xeral.

No apartado de novas destacamos sobre todo o emprego de NextCloud como solución de almacenamento na nube, que recentemente ben de presentarse como unha alternativa a ownCloud, e que está sendo unha das solucións de almacenamento máis empregada polas empresas pola súa opción de poder ser implantada nos propios servidores mantendo así a información dentro da propia organización.

Pin It on Pinterest

Share This