A finais de novembro publicouse no Portal Europeo de Datos o Informe de madurez dos datos abertos no 2018, onde están incluídos os indicadores para cuantificar a madurez dos datos abertos dos distintos integrantes da Unión Europea.

Irlanda e España son os dous estados membros con maior madurez nos datos abertos

Analizando tanto os indicadores de madurez coma o propio informe, pódese ver que o estado con maior madurez dos datos abertos é Irlanda seguido moi de preto por España que ocupa o segundo posto por dous anos consecutivos logo de ter pasado polo primeiro dende os inicios deste ranking. Os puntos destacados do estado español no ámbito dos datos abertos pasan pola promoción da reutilización do catálogo dixital da Biblioteca Nacional e os servizos dixitais de MeteoGrid, os datos concretos de casa país membro tamén se poden consultar no informe, así coma un breve resumo dos puntos clave.

A finais do mes pasado tamén tivo lugar o Encontro Aporta, un foro no que se abordan temas relacionados cos datos abertos e o emprendemento e que vai pola súa oitava edición e no que se puxo sobre a mesa a importancia e o avance que está tendo España na apertura dos datos no sector público para poñer á disposición das empresas e da sociedade en xeral os datos manexados pola administración pois son un activo moi importante de cara ao crecemento económico, ao emprendemento e á innovación.

Os datos xeográficos e os datos estatísticos, os máis empregrados

Segundo outro dos informes publicados no Portal Europeo titulado “Re-using Open Data”, sobre a transformación por parte das empresas dos datos abertos en valor social e económico, tamén se pode saber cales son os datos abertos con maior relevancia, que no caso deste ano son os datos estatísticos, seguidos dos datos xeográficos.
Estas dúas categorías son os que as empresas dos estados membros máis consultan e máis reutilizan. O caso dos datos xeográficos é especialmente interesante, pois estes datos permite coñecer mellor o noso entorno e cruzándoos con outra información permite realizar estudos socioculturais, económicos ou ambientais moi completos.

Pin It on Pinterest

Share This