A fundación encargada de xestionar tanto o desenvolvemento como o resto de actividades da comunidade de GNOME ven de anunciar a publicación do seu informe anual de 2018. Neste informe, a “GNOME Foundation” repasa todo o acontecido arredor do proxecto e plasma dun xeito visual e resumido o máis salientable, os logros a nivel técnico, eventos, lanzamentos…

Dende Mancomún destacamos algúns aspectos do informe:

Migración do proxecto GNOME a GitLab, sendo esta migración de plataforma de desenvolvemento un dos acontecementos co maior impacto no proceso de desenvolvemento nos 21 anos do proxecto, xa que se xestiona o desenvolvemento de todo o proxecto a través da mesma e con funcionalidades e características de última tecnoloxía, pese a que decidiron empregar GitLab como a súa plataforma principal para o desenvolvemento tamén empregan a plataforma GitHub como réplica dos seus repositorios principais de GitLab.

No informe tamén se fala dos asuntos económicos como son as doazóns recibidas tanto por parte de persoas coma de entidades, así como o gasto das mesmas. Sobre os eventos informe fai un apuntamento no que se citan varios eventos sobre GNOME como pode ser a GUADEC 2018 e diversos hackfest e conferencias sobre proxectos libres relacionados con GNOME.

Por último e non menos importante, no informe tamén se destacan as dúas versións lanzadas no 2018 como son GNOME 3.28 e GNOME 3.30, así como a todos os contribuidores que fixeron parte dos programas de “Google Summer of Code” e “Outreachy“, así como as súas contribucións.

O informe completo pódese consultar nesta ligazón.

Pin It on Pinterest

Share This