Xa está publicado o número 26 do Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas correspondente a este mes de setembro.

Logo MongoDBO proxecto destacado este mes é o sistema de xestión de bases de datos MongoDB. Un sistema non SQL e non baseado en táboas senón orientado a documentos, estilo JSON, que fai que sexa máis sinxelo manexar grandes volumes de información. Esta ferramenta popularizouse co fenómeno Big Data e emprégase como peza angular sobre a que se constrúen solucións para Smart Cities, como é o caso da cidade de Chicago que aparece destacada no boletín.
No apartado de novas destacamos a publicación como software libre de varias ferramentas relacionadas co goberno electrónico e a transparencia en Francia, o impulso ás políticas de software libre por parte dos gobernos de Estados Unidos e Austria, ou en ámbito máis local, a liberación dunha nova versión de XEA, a ferramenta de xestión das aulas CeMIT por parte da AMTEGA.

Destacamos tamén algúns eventos de software libre que terán lugar os vindeiros meses, relacionados co hardware libre e a cultura maker.

Boletín de reutilización de Software Libre

Dende agosto de 2014, a oficina de coordinación de software libre da Amtega vén elaborando e difundido entre os responsables en materia TIC da Xunta de Galicia un boletín, de periodicidade mensual, sobre reutilización de software libre polas administracións públicas. Nel recóllense iniciativas sobre solucións libres, open data e estándares abertos; experiencias de uso de ferramentas libres que se identifican noutras administracións públicas de interese e aplicabilidade dentro da Xunta de Galicia; documentación ou formación de interese nesta materia, etc.

Dende Outubro de 2015, este boletín vense publicando no portal mancomún, co obxectivo de incrementar a difusión desta información noutras administracións públicas, como por exemplo as entidades locais, ou en calquera outra entidade ou organismo que lle poida ser de utilidade.

Pin It on Pinterest

Share This