Xa está publicado o número 98 do Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas correspondente a este mes de Setembro.

O proxecto destacado deste mes son dúas aplicacións, GeoNature e GeoTrek, que proporcionan ás autoridades francesas ferramentas para a xestión dos parques naturais. Ambas se desenvolveron con Django, un framework de Python para o desenvolvemento de aplicacións, moi empregado particularmente en ferramentas relacionadas con información xeográfica.

No apartado de novas, destaca a presentación da nova Guía de boas prácticas para a liberación de contidos e software da Xunta de Galicia, unha ferramenta que vai axudar nos procesos de liberación de contidos e aplicacións para a súa reutilización.

Dende agosto de 2014, a oficina de coordinación de software libre da Amtega vén elaborando e difundido entre os responsables en materia TIC da Xunta de Galicia un boletín, de periodicidade mensual, sobre reutilización de software libre polas administracións públicas. Nel recóllense iniciativas sobre solucións libres, open data e estándares abertos; experiencias de uso de ferramentas libres que se identifican noutras administracións públicas de interese e aplicabilidade dentro da Xunta de Galicia; documentación ou formación de interese nesta materia, etc.

Dende Outubro de 2015, este boletín vense publicando no portal mancomún, co obxectivo de incrementar a difusión desta información noutras administracións públicas, como por exemplo as entidades locais, ou en calquera outra entidade ou organismo que lle poida ser de utilidade.

Pin It on Pinterest

Share This