Xa está publicado o número 39 do Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas correspondente a este mes de outubro.

O proxecto destacado deste mes é CKAN, unha solución de software libre para a creación de portais de datos abertos. Son moitas as administracións que deciden compartir os seus datos mediante portais web por medio de catálogos como os que permite crear esta solución, por outra parte unha das máis empregadas.

No apartado de novas destacan varios proxectos de migración a software libre, como o dun pequeno concello en Valencia que segundo contan conseguiron un aforro de 25.000 euros, ou a cidade frances de Rennes que está a dar pasos cara a migración total de toda a administración a software libre.

Boletín de reutilización de Software Libre

Dende agosto de 2014, a oficina de coordinación de software libre da Amtega vén elaborando e difundido entre os responsables en materia TIC da Xunta de Galicia un boletín, de periodicidade mensual, sobre reutilización de software libre polas administracións públicas. Nel recóllense iniciativas sobre solucións libres, open data e estándares abertos; experiencias de uso de ferramentas libres que se identifican noutras administracións públicas de interese e aplicabilidade dentro da Xunta de Galicia; documentación ou formación de interese nesta materia, etc.

Dende Outubro de 2015, este boletín vense publicando no portal mancomún, co obxectivo de incrementar a difusión desta información noutras administracións públicas, como por exemplo as entidades locais, ou en calquera outra entidade ou organismo que lle poida ser de utilidade.

Pin It on Pinterest

Share This