Xa está publicado o número 40 do Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas correspondente a este mes de novembro.

O proxecto destacado deste mes é OpenSCAP, un conxunto de ferramentas desenvoltas por Red Hat, pensadas para implementar as políticas de seguridade que se atopan detrás do estándar SCAP (Security Content Automation Protocol). SCAP é unha especificación aberta enfocada á definición e manipulación de datos de seguridade de maneira estandarizada. Ten as súas orixes alá polo ano 2007, cando nace o programa ISAP (Information Security Automation Program) como iniciativa entre varias das axencias do goberno americano.

No apartado de novas destacan varios proxectos de migración, os concellos de Barcelona e A Coruña, así como a rexión alemana de Schleswig-Holstein están a facer unha aposta importante por migrar as súas administracións a software libre. Neste número destacan tamén varios artigos que están a ser publicados no portal Mancomún relacionados coa ciberseguridade, e que seguirán tendo continuidade nas vindeiras semanas.

Boletín de reutilización de Software Libre

Dende agosto de 2014, a oficina de coordinación de software libre da Amtega vén elaborando e difundido entre os responsables en materia TIC da Xunta de Galicia un boletín, de periodicidade mensual, sobre reutilización de software libre polas administracións públicas. Nel recóllense iniciativas sobre solucións libres, open data e estándares abertos; experiencias de uso de ferramentas libres que se identifican noutras administracións públicas de interese e aplicabilidade dentro da Xunta de Galicia; documentación ou formación de interese nesta materia, etc.

Dende Outubro de 2015, este boletín vense publicando no portal mancomún, co obxectivo de incrementar a difusión desta información noutras administracións públicas, como por exemplo as entidades locais, ou en calquera outra entidade ou organismo que lle poida ser de utilidade.

Pin It on Pinterest

Share This