Xa está publicado o número 37 do Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas correspondente a este mes de agosto.

O proxecto destacado nesta ocasión é Zimbra, unha suite de correo electrónico que inclúe a parte de servidor e tamén de cliente. Está publicado baixo a licenza de software libre Yahoo Public License, xa que no ano 2007 este software foi adquirido pola compañía estadounidense Yahoo, quen acordou manter a solución como software libre.

Zimbra é unha completa suite que inclúe ademais de correo electrónico, calendarios, así como unha serie de aplicacións de todo tipo que se poden ir instalando como complementos dependendo das necesidades. É unha solución moi completa capaz de facer fronte a Exchange, a solución máis habitual dentro das privativas, sendo unha alternativa máis que viable como se pode ver nos casos de éxito que se recollen tamén no boletín.

En canto ao apartado de novas, este mes destacan varias migracións e apostas polo software libre por parte de diversas administracións públicas, así recollemos os recentes casos do concello de Ponteareas, o exército británico ou a cidade de Tirana en Albania.

Pin It on Pinterest

Share This