Publicado novo artigo sobre Sistemas de Información Xeográfica con Software Libre

Mércores, 16 Marzo 2016

Logo gvSIGDentro da sección de Artigos Tecnolóxicos, orientados a mostrar solucións de Software Libre que poidan ser de interese para as empresas, vimos de publicar un artigo adicado aos Sistemas de Información Xeográfica, onde analizamos a ferramenta gvSIG.

A capacidade de facer análises tendo en conta a compoñente xeográfica da información aporta un valor moi grande á mesma e achega novas posibilidades de xestionar a mesma. Os sistemas de información xeográfica aportan xeitos diferentes de analizar a información e permiten facer análises dende outra perspectiva.

Visto cun exemplo podemos darnos conta do que nos aportan. Imaxinemos unha empresa de transporte onde un repartidor vai iniciar a súa xornada. Ter unha lista cos nomes dos sitios aos que ten que ir, implica que se quere optimizar o seu percorrido, precisa dun coñecemento previo de como de preto están entre si todos eses lugares. A mesma información posta sobre un mapa permitiríalle dunha soa ollada obter ese percorrido óptimo.
No artigo entrevistamos a dúas empresas galegas, Avansig e iCarto, que ofrecen servizos de desenvolvemento e implantación de sistemas de información xeográfica, as cales poden ser atopadas a través do servizo que ofrece o Mapa de Capacidades Tecnoĺóxicas de Galicia – MapaTic.gal, así como a outras dúas empresas, AUDASA e Entyl Ingenieros, que xa implantaron a solución gvSIG nos seus procesos e que nos contan como foi a súa experiencia e o valor que lles están aportando a mesma.

gvSIG, Sistema de Información Xeográfica de Software Libre

gvSIG, cuxo nome significa Sistema de Información Xeográfica da Generalitat Valenciana, é un proxecto de Software Libre, que xurde como unha iniciativa de migración a software libre dentro da Consellería de Infraestruturas e Transporte de dita administración.

Dende o punto de vista do software, gvSIG é un sistema de información xeográfica para o manexo de datos espaciais. Permite facer análises complexos e compoñer mapas avanzados, traballando cos formatos de datos máis habituais, tanto ráster como vectorial, podendo integrar estes xunto con datos dunha base de datos xeoespacial, soportando acceso a PostgreSQL ou Oracle.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas. As empresas do sector TIC poden solicitar realizar sesións demostradoras das súas solucións nas instalacións do Centro Demostrador TIC de Galicia. Todas as empresas galegas teñen á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas relacionadas con posibles solucións tecnolóxicas para as súas necesidades.

Así mesmo lembrar que o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

E por último, o CDTIC Virtual, un servizo de aplicacións na nube, que permite obter unha instancia dunha aplicación de Software Libre, para poder probala sen necesidade de facer unha instalación propia. Este servizo está a incorporar pouco a pouco novas aplicacións, moitas delas presentadas en anteriores artigos tecnolóxicos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal