A Comisión Europea vén de publicar unha nova versión da licenza de software libre EUPL, a European Union Public License. Esta licenza está redactada tendo especial atención á lexislación europea e ás diferentes normativas en dereitos de autor dos diferentes países membros. Esta licenza é moi empregada polas administracións públicas que liberan solucións TIC para a súa reutilización. No caso de España é a licenza recomendada para todas as administracións que queren liberar algunha aplicación como software libre, como se recolle no Esquema Nacional de Interoperabilidade (ENI).

Entre as novidades que incorpora esta versión destacan:

  • Cobertura máis ampla: Ademais de software, a nova versión tamén cobre documentación, especificación técnicas e estándares.
  • Maior compatibilidade: Esta nova versión é máis compatible cun máis licenzas de software libre.
  • Maior flexibilidade: Aínda que a primeira versión xa incorporaba mecanismos neste sentido, esta nova publicación dota aos usuarios de máis opcións para engadir claúsulas, sempre e cando non contradigan ás da propia licenza.

Esta nova versión, 1.2 está ademais dispoñible nun total de 23 linguas de países pertencentes á Unión Europea, entre elas o castelán. Con esta van xa tres versións desta licenza, que se publicara por primeira vez no ano 2007 e cuxa versión actual ata agora, a 1.1 fora publicada no ano 2009. Agora que se cumpren xusto 10 anos da primeira publicación a Unión Europea pon a disposición esta nova versión, para que siga contribuíndo á reutilización de software, motivando ás administracións públicas a publicar como software libre as solucións que desenvolven coa maior garantía xurídica posible.

 

 

Pin It on Pinterest

Share This