Publicada no repositorio documental unha matriz de compatibilidade de licenzas de software libre

Xoves, 14 Febreiro 2019

Por norma xeral os proxectos de software libre non se soen empezar de cero, senón que se parte de diferentes pezas como frameworks, bibliotecas ou mesmo proxectos enteiros dos que se parte para facer unha modificación ou adaptación. Esta característica fai, que á hora de escoller unha licenza de software libre para o proxecto, haxa que ter en conta tamén que tipo de licenzas teñen estes compoñentes.

Aínda que as licenzas de software libre teñen en común que garanten a liberdade das persoas usuarias para empregalo, estudalo, distribuílo e modificalo, moitas teñen certos matices que as fan incompatibles entre sí. Por tanto para elixir unha licenza global para un proxecto, esta ten que ser compatible con todas as outras licenzas dos diferentes compoñentes que se empregan.

Para facilitar un pouco esta labor de análise da compatibilidade das diferentes licenzas, denda a Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA, ponse a disposición a través do Repositorio Documental, unha folla de cálculo cunha matriz de compatibilidade de licenzas. Deste xeito é un pouco máis doado revisar a compatibilidade entre as diferentes licenzas dos compoñentes empregados no desenvolvemento dunha nova aplicación.

Este documento parte do traballo feito polo Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e Comunicación (CENATIC), que ofrecía dende a súa páxina web unha calculadora de licenzas, e que servía de axuda nesta mesma liña. Partindo de esa mesma información e actualizándoa, ponse a disposición este documento, para que sirva de axuda nos procesos de liberación ou escolla de licenza para un novo proxecto de software libre. Compártese en formato de folla de cálculo co fin de que poida ser mellorada e actualizada, sendo publicada baixo a licenza libre Creative Commons 4.0 Internacional Recoñecemento Compartir Igual.

Esta publicación está enmarcada dentro das iniciativas que a Xunta de Galicia realiza para a difusión e promoción do software libre a través da AMTEGA e os seus Plans Anuais de Acción en Materia de Software Libre.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal