O Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) preséntanos a publicación da versión final de MiniNo, a distribución GNU Linux en galego e castelán enfocada ao reciclaxe de equipos informáticos antigos.

MiniNo 3.0 Queiles, como se chama esta última versión da distribución, continúa baseada en Debian 8 e ten soporte para dúas arquitecturas: a tradicional arquitectura de 32 bits, neste caso xa só co núcleo 686-pae, e máis unha versión experimental de 64 bits.

Os traballos para levar a bo término á liberación de esta versión deMiniNo non estiveron exentos de problemas. Cóntanos Miguel, no seu artigo no blog de MiniNo, que desta vez tiveron que facer fronte a problemas derivados do uso da ferramenta de xeración de ISOs debido á súa incompatibilidade có kernel usado nesta versión de MiniNo. Este problema obrigou ao equipo a usar ferramentas alternativas, o que ocasionou a necesidade de reescribir todo o instalador de MiniNo.

Máis aló do que son os problemas típicos da liberación, esta versión de Minino chega con 4 instaladores que adáptanse ao perfil a cada quen dependendo do tipo de usuario: dende o máis avezado ata o usuario novel.

No que se refire ao escritorio de traballo, esta nova versión trae consigo un cambio relevante. Por mor da cantidade de problemas que deu, especialmente coa reprodución de vídeos de Youtube, tomouse a decisión de eliminar o navegador Midori. En troques deixouse a configuración base para que se poida instalar doadamente Tor Browser.

No apartado multimedia, substitúese o reprodutor de medios UMPlayer, que quedou bastante obsoleto, por SMPlayer.

Tendo en conta que as máquinas obxectivo da distribución adoitan ser bastante vellas, a posibilidade de ter unha perda de datos por fallo do disco cobra importacia. Para paliar este eventual problema Minino trae instalado a ferramenta de clonado de ordenadores Cronopete. Como tamén incorpora Inxi, unha ferramenta de axuda para facer calquera instalación de controladores específicos de hardware.

Xa para finalizar, no caso da versión de 64 bits, MiniNo conta cunha versión modificada da ferramenta MiniNo Traspasa que permite transferir todo o sistema operativo instalado a un dispositivo que poida ser arrincado en equipos modernos con UEFI.

Como vedes, todo un gran comezo de curso para o equipo de MiniNo de GALPon.

Colaboración de GALPon coa AMTEGA

A través do Convenio de colaboración coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL) a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) apoia o labor social e voluntario que as AGUSL que veñen desempeñando a prol do fomento, desenvolvemento e implantación do software libre en Galicia.

Neste contexto GALPon colaborara coa Amtega na celebración de xornadas de divulgación, obradoiros e cursos de formación sobre software e hardware libre dirixidos á cidadanía; na elaboración de documentación en galego de forma que se facilite a formación sobre tecnoloxías libres na nosa lingua; no fomento e difusión da localización de software libre ao galego contribuíndo así á normalización da nosa lingua nas TIC; na visibilización de Galicia nas comunidades de software e hardware libre a través da participación e organización de conferencias de carácter nacional ou internacional ou coa difusión de proxectos de interese social desenvolvidos na nosa comunidade; e finalmente no fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social.

 

Pin It on Pinterest

Share This