Os voluntarios de Proxecto Trasno levan moitos anos colaborando coa Fundación Mozilla e froito dese traballo todos os usuarios temos dispoñible o navegador de Internet Firefox en lingua galega, sempre ao día coa última tecnoloxía da Web.

Common Voice

Nos vindeiros anos, os servizos, produtos e estudos baseados na intelixencia artificial (IA) estarán por todas partes pero non poderemos interactuar en galego con eles non sendo que axudemos nisto.

Un asistente de voz, un lector de textos para persoas con necesidades especiais, asistente de condución en automóbil, un mordomo doméstico, un acompañante robótico para a vellez,… son algúns dos exemplos nos que o galego ten que estar presente, pero como podemos facer isto posible?

Common Voice é unha iniciativa de Mozilla para axudar a ensinarlles ás máquinas como fala a xente real.

Para crear sistemas de voz, os desenvolvedores necesitan unha enorme cantidade de datos de voz.

Doa a túa voz a Common Voice, o proxecto da Fundación Mozilla.

A maioría dos datos usados polas grandes compañías non están dispoñíbeis para a maioría das persoas. Common Voice é un proxecto para axudar a facer o recoñecemento de voz aberto e accesíbel para todos.

Como podes axudar a que as máquinas falen e entendan galego?

O proxecto consiste en recadar un número importante de frases curtas de uso cotián para que, logo, falantes nativos galegos graven as súas voces interpretando esas frases recadadas. Todas as gravacións serán analizadas por este modelo e farán «maxicamente» que as máquinas entendan o noso prezado idioma.

Ao longo do proxecto podes axudar das seguintes formas:
– Redactar frases orixinais e remitilas por correo a proxecto@trasno.gal. Crear 5 frases ou 50.
No correo poñer
Asunto: [CV] Frases para Common Voice
Colaborar na revisión das frases que deben estar correctamente escritas
– Gravar as frases a viva voz, doando a túa voz co teu estilo, acento, modo e maneira de falar en galego. Ler 5 frases ou 50 ou máis, segundo poidas.

Hai outras tarefas nas que podes axudar:
– Revisar as gravacións para comprobar que a gravación se entende ben e di exactamente o mesmo que o texto correspondente
– Organizar unha quedada para recoller, revisar ou gravar pola túa conta e incorporarte ao proxecto de maneira directa
– Difundir a iniciativa de Common Voice
– Aproveitar a materia prima recollida para desenvolver o teu estudo, produto ou servizo
– Atopar fontes de textos libres en galego ou que poidan ser doados con licenza de dominio público CC0

É importante que se poidan doar con licenza de dominio público, a máis libre de todas as posibles. É dicir, non se poden extraer nin de libros nin de sitios web a non ser que teñamos permiso dos autores ou propietarios para doalas ao dominio público. En canto teñamos máis de 5000 frases validadas, abrirase a fase de gravación.

Podedes poñervos en contacto coa xente do Proxecto Trasno a través do correo proxecto@trasno.gal ou a través da canle Common Voice en galego:
https://discourse.mozilla.org/t/common-voice-en-galego/74896

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This