A empresa Proton Technologies, anuncia a apertura do código fonte para o cliente ProtonVPN baixo a licenza GPLv3 (con versións para Windows, macOS, Android e iOS). O cliente de consola para GNU/Linux xa era aberto.


ProtonVPN é un provedor de servizos de rede privada virtual (VPN) operado pola compañía suíza Proton Technologies AG, a mesma compañía creadora de ProtonMail (correo electrónico seguro), fundada por varios investigadores do CERN.  Ao estar rexistrada en Suíza, conta cunha lexislación estrita no campo da protección da privacidade, que non permite que outros axentes externos controlen a información.

ProtonVPN utiliza OpenVPN (UDP/ TCP) e o protocolo IKEv2, con cifrado AES-256. A compañía ten unha política de non rexistro para os datos de conexión do usuario e tamén evita que as fugas de DNS e Web-RTC expoñan as verdadeiras direccións IP dos usuarios.

ProtonVPN tamén inclúe soporte de acceso a Tor e un interruptor de apagado para pechar o acceso a Internet en caso de perda da conexión VPN.


“Estamos felices de ser o primeiro provedor de VPN en abrir aplicacións de código fonte en todas as plataformas (Windows, macOS, Android e iOS) e someternos a unha auditoría de seguridade independente. A transparencia, a ética e a seguridade son o núcleo da internet que queremos construír e a razón pola cal creamos ProtonVPN en primeiro lugar.”


A liberación do código de ProtonVPN forma parte dunha iniciativa para garantir a transparencia do proxecto.

Deste xeito, expertos independentes poden verificar o código para ver que cumpre coas especificacións establecidas e verificar a corrección da auditoría de seguridade.

Máis información no blogue de ProtonVPN

Pin It on Pinterest

Share This