Profesores e LUG reúnense con Educación para analizar a situación do SW Libre no ensino

Representantes dos grupos de usuarios de GNU/Linux de Galicia e docentes de centros formativos en informática reuníronse con representantes da Consellería de Educación para facerlles chegar as súas demandas, inquietudes e propostas ao redor do emprego do Software Libre nos centros de ensino non universitario. Na reunión tanto consellería como LUG e docentes coincidiron na importancia de incorporar de xeito inmediato e paulatinamente aplicacións libres nos centros. Tamén se evidenciaron algunhas das dificultades deste cambio coma a necesidade de formación e a falta de persoal para dar soporte á incorporación das TIC nas aulas.
 

Usuarios e profesores demandaron que se acabe coa situación de ilegalidade na que viven moitos centros nos que se emprega de xeito habitual software non regulado. Realizaron ademais unha serie de propostas encamiñadas á introdución do Software Libre e as TIC no ensino como a necesidade de crear a figura nos centros de profesor experto en TIC que daría soporte técnico e formación ao resto do claustro, a introdución dun sistema de base común das aplicacións empregadas nos centros para facilitar a coordinación e o soporte ou a creación dun portal colaborativo para o intercambio de experiencias entre profesores. 
 
Os representantes da consellería acolleron con interese estas achegas e compartiron a idea de introducir de xeito masivo o Software Libre no ensino. De feito afirmaron que xa están tomando medidas orientadas a preparar o cambio de tecnoloxías propietarias a abertas non renovando a licenza de moitos dos produtos privativos arestora empregados. Ademais sinalaron algunhas accións concretas coma o reparto de 1500 CD de OpenOffice.org entre os centros e os cursos de Entrans e de introdución ao Software Libre.
 
Sen embargo sinalaron certas dificultades relativas á falta de recursos humanos para dar soporte técnico e a certas situacións herdadas que impiden que este cambio sexa inmediato. Tanto a Xunta coma os diferentes colectivos colaborarán na introdución do Software Libre  nos centros educativos.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal