Arch Linux libera unha vez ao mes as súas imaxes de instalación, ven de lanzar a súa última imaxe de instalación, a versión 2019.08.01, que ten como gran novidade que é a primeira en ter o núcleo de Linux da versión 5.2.

O kernel Linux 5.2 víu a luz a principios de xullo e é a versión estable máis moderna que incorporou como novidades o soporte de Sound Open Firmware, novos drivers para as GPUs ARM Mali, soporte completo para a arquitectura Intel IceLake (a décima xeración de Intel Core), mellora do soporte de AMD Ryzen ou a posibilidade de realizar procuras en sistemas de ficheiro ext4 que ignoren as diferenzas entre minúsculas e maiúsculas.

Estas imaxes de instalación, tamén coñecidas como ISOs, están dispoñibles nesta ligazón e só son precisas para realizar unha instalación nova, ou realizar algunha operación de mantemento como a restauración dunha instalación danada, etc.

Arch Linux

Arch Linux é unha distribución de GNU/Linux que ten como máxima a simplicidade dende o punto de vista do desenvolvemento, ou o que é o mesmo, prescindir no desenvolvemento da mesma de engadir complexidade, modificacións ou engadidos que non son necesarios; este principio tamén é coñecido como KISS, do inglés “Keep It Simple, Stupid”.

Ten un modelo de lanzamento “rolling release“, o que quere dicir que non existe un lanzamento de versións maiores, como poden ter outras distribucións como Ubuntu, Debian, Red Hat… senón que o que fan é ter pequenas actualizacións dos diversos paquetes de software continuamente, co que se pode ter o sistema actualizado simplemente actualizando estes paquetes que van sendo lanzados.

Outras das características máis importantes de Arch Linux é que utiliza un xestor de paquetes propio, chamado pacman, co que se pode instalar, borrar e actualizar os paquetes de software dos repositorios oficias de Arch. A maiores dos paquetes oficiais en Arch tamén se conta con outro repositorio, o AUR (Arch User Repository), que contén paquetes comunitarios e aínda non validados polos desenvolvedores de Arch e onde se poden atopar moito software minoritario ou paquetes aínda non soportados oficialmente.

Arch Linux conta con unha comunidade moi ampla arredor desta distribución e outra moitas derivadas onde cabe destacar a wiki do proxecto que contén unha morea de artigos documentando e explicando detalles máis técnicos ou menos de GNU/Linux en xeral e da distribución en particular.

A maior parte de usuarios desta distribución son desenvolvedores, usuarios avanzados e entusiastas de GNU/Linux.

Pin It on Pinterest

Share This