• A partir de hoxe, martes 20, as empresas interesadas poderán probar este sistema de comercio electrónico e coñecer as súas características a través do CDTIC Virtual.
  • O 22 de setembro o CDTIC celebra ademais unha sesión demostradora sobre Prestashop
  • Para acceder a este servizo só é preciso rexistrarse como profesional ou empresa na web do CDTIC

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía a oferta de aplicacións libres no seu servizo de CDTIC Virtual coa incorporación do sistema de comercio electrónico Prestashop, que estará dispoñible a partir de hoxe, 20 de setembro.

Captura de pantalla de Prestashop

Esta ferramenta, de código aberto e libre distribución, empregada na actualidade para o funcionamento de máis de 250.000 tendas en liña, destaca pola súa simplicidade e aplicabilidade tanto para grandes establecementos como para empresas de reducida dimensión.

Ademais, o xoves 22 de setembro celebrarase a sesión demostradora “Proba a túa tenda en internet xa con Prestashop na nube do CDTIC” en horario de 16.00 a 20.00 horas e impartida pola empresa Hacce Soluciones TIC. As persoas intersadas en asistir a esta sesión, de carácter gratuíto como todas as actividades do CDTIC, só precisan rexistrarse como usuarios do CDTIC e inscribirse na sesión.
Xornada de demostración do servizo Prestashop

Para dar a coñecer este servizo e mostrar a súa utilidade, o CDTIC celebrará o 22 de setembro unha sesión demostradora baixo o título “Proba a túa tenda en internet xa con Prestashop na nube do CDTIC” (https://cdtic.xunta.gal/prestashop_santiago). A sesión levarase a cabo na sede do Centro, en Santiago de Compostela, en horario de 16.00 a 20.00 horas.

Esta sesión, impartida pola empresa Hacce Soluciones TIC, está pensada, principalmente, para responsables das vendas e da xestión das empresas, autónomos etc. que estean interesados en poñer en marcha unha tenda en liña con Prestashop.

Con esta actividade preténdese que as persoas participantes adquiran os coñecementos máis elementais para pór en marcha a súa tenda en liña a través de Prestashop. Para iso, ao longo da sesión explicaranse aspectos importantes relacionados con esta ferramenta como conceptos básicos, instalación, características, módulos, vantaxes e prestacións etc. e mostraranse algúns casos de uso e proxectos desenvolvidos con esta aplicación.

Prestashop

Prestashop é unha plataforma web de comercio electrónico (e-commerce) con licenza libre orientado para a venta online. Este aplicativo destaca polo seu fácil manexo e por ofrecer máis de 310 funcións integradas, incluíndo soporte para as seguintes funcionalidades:

  • Xestión de inventario de produtos
  • Navegación por capas
  • Modelos adaptables
  • Xestión multi-tenda
  • Xestión de devolucións
  • Análise e presentación de informes
  • Regras de promoción e campañas comerciais

Prestashop convértese así na quinta das aplicacións para probar na nube que ofrece o CDTIC Virtual ás empresas usuarias do Centro. CiviCRM, Odoo, Owncloud e Xeshostal xa forman parte da oferta de ferramentas empresariais que conforman este servizo.

Centro Demostrador TIC Virtual

O servizo de CDTIC Virtual, ofrece ás empresas, organizacións e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas.

Na actualidade, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual son Xeshostal, un software para a xestión hoteleira; Owncloud, un servizo de compartición de arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; así como CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como profesionais ou empresas na web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou aplicacións que lles interesen. Ata o momento xa o fixeron un total de 61 empresas usuarias do CDTIC Virtual.

Fonte: Amtega

Pin It on Pinterest

Share This