Presentación da “Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software”

Luns, 12 Setembro 2022
Presentación da “Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software”

O 20 de setembro, entre as 17.00 e as 18.00 horas, terá lugar no GaiásTech a presentación da “Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software”, organizada pola Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega.

Promovida pola Xunta de Galicia, esta guía trata os aspectos prácticos que hai que ter en conta para publicar tanto contidos como software baixo unha licenza libre.

img

Esta guía é unha actualización e unificación de dúas guías xa existentes, con novos contidos e un enfoque máis didáctico cara o público xeral. Ao acto pódese acudir de xeito presencial ou ben seguilo a través do streaming de vídeo (é necesario facer a inscrición na páxina do GaiásTech).

Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software

No ano 2014 a Xunta de Galicia presentou dúas guías de boas prácticas para a liberación de contidos e para a liberación de proxectos software como software libre. Esta iniciativa foi pioneira no seu momento, como aposta pola difusión e fomento do software libre por parte dunha administración pública.

A creación deste tipo de guías atendía a unha necesidade detectada, de poder contar con documentación en galego sobre os aspectos a ter en conta para publicar contidos baixo licenzas libres, e tamén sobre o proceso de publicar un proxecto software como software libre. Aspectos sobre os cales, non existían tampouco demasiadas publicacións deste tipo en calquera outro ámbito.

Esas publicacións naceron tamén como unha necesidade interna, derivada do compromiso da Xunta de Galicia de publicar como software libre aqueles desenvolvementos internos que, pola súa natureza, puidesen ser candidatos a ser reutilizados.

portada

Esta nova guía que se presenta, foi creada dende un principio pensando non tanto como guía de uso interno, senón para o público xeral.

É por isto que se lle deu un estilo máis didáctico, tratando de achegar os contidos dun xeito e cunha linguaxe máis cotiá. É por isto que tamén se xuntou nunha única publicación as dúas guías anteriores, para ter un único documento de referencia e porque ao final, os procesos de liberación de contidos e software, aínda que con particularidades propias, están baseados nos mesmos principios.

A guía comeza cunha introdución á Propiedade Intelectual e normativas que a regulan, nunha linguaxe simple que poida ser entendida por todo o mundo. Explícase o concepto de licenza de uso, que tipos de licenzas hai no eido do software libre, que implicacións ten apostar por un tipo ou por outras ou as compatibilidades e incompatibilidades que hai entre elas. Segundo se vai adentrando máis nela, o lector ou lectora, atopará cales son os pasos a seguir e os aspectos a ter en conta para publicar contidos con licenzas libres e tamén como publicar un proxecto software baixo unha licenza destas características.

Programa

– O por que desta guía
– Presentación da guía e o seu uso
– Comentarios e preguntas

A Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega é o punto de referencia para a coordinación de todas as accións en materia de difusión e fomento do uso do software libre da Xunta de Galicia.

Relatoras

– Uxía Romero, Xefa do Departamento de Innovación Dixital e Intelixencia Artificial (Amtega)
– Bárbara Román, Oficina de Coordinación de Software Libre (Amtega)
– Marelisa Blanco, Oficina de Coordinación de Software Libre (Amtega)

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal