O Concello de Ponteareas, tomou a decisión de implantar software libre naqueles servizos onde o software privado non se demostrase superior ás alternativas libres.
Ao contrario que no software con licenza privativa, o software con licenza libre representa uns aforros en custos de licenza do 100% fronte ao custe de software como os de Microsoft, onde os prezos varían dependendo das versións, que van dende os 200 aos 400 euros.
Este proceso afectou xa a máis do 85 % do parque de ordenadores da administración local. Nos próximas semanas levarase a cabo o cambio de software no Centro de Desenvolvemento Local, na Biblioteca Municipal e na Escola Infantil.

Benito Márquez, edil de Novas Tecnoloxías, sinala que “con esta decisión estamos ofrecendo o mesmo servizo que antes pero sen ter que pagar a Microsoft polas licenzas, traducíndose nun aforro considerable anual para o concello”.
O Concello de Ponteareas utilizaba na actualidade software de Microsoft polo que había que pagar pola súa utilización, un gasto que rondaba os 36000 euros en 3-4 anos.
“Actualizar as licencias dos equipos cos que conta o Concello, a unha media de entre 200 e 300 euros, supuña un gasto considerable que agora podemos dedicar a mellora dos equipos informáticos, que están bastante obsoletos”.
Benito Márquez, salientou os agradecementos a tódolos traballadores e a súa boa disposición ao novo software, destacando “que a maioría se adaptou bastante ben ao cambio”. Pola súa parte, sinalou tamén que de ser necesario, faríanse cursos formativos sobre o uso deste novo software para aqueles traballadores que o precisen e así o soliciten.

Pin It on Pinterest

Share This