Paloma Piot, gañadora do Premio a mellor proxecto universitario libre 2021

Martes, 26 Outubro 2021
Paloma Piot, gañadora do Premio a mellor proxecto universitario libre 2021

Paloma Piot resulta gañadora da XIV edición do Premio a mellor proxecto universitario libre co seu proxecto «Profiling automático de usuarios para a detección precoz de trastornos mentais». Borja González consegue o segundo premio co proxecto PyToxo.

Na tarde do pasado venres, 22 de outubro, tivo lugar na Cidade da Cultura o acto de resolución da XIV edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado polo Consorcio CIXUG, e que conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Un total de 4 candidaturas acadaron esta fase final, que foron avaliadas polo xurado a través das súas diferentes presentacións, e nas que se tiveron en conta aspectos tales como o correcto licenciamento dos traballos, así como o uso dunha metodoloxía propia, e que caracteriza especialmente aos traballos en aberto.

O primeiro premio foi obtido por Paloma Piot Pérez-Abadín, estudante do Máster Universitario en Enxeñaría Informática (MUEI) que presentou o traballo fin de máster co título «Profiling automático de usuarios para a detección precoz de trastornos mentais», no que desenvolve un sistema capaz de realizar un perfilado automático de usuarios cunha aplicabilidade na detección temprana de trastornos mentais. Este recoñecemento conleva unha dotación económica de 1.500 euros, que son aportados polo CIXUG ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Ademais, entregouse un segundo premio a Borja González Seoane, tamén estudante da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, polo seu traballo de fin de grao «PyToxo: una herramienta Python para calcular tablas de penetrancia de modelos de epistasia de alto orden», que presenta unha nova implementación da libraría Toxo, a cal introducía unha aproximación matemática innovadora no estado da arte, pero que estaba desenvolvida para MATLAB. PyToxo liberase baixo unha licenza libre e fai uso de toda a potencia da linguaxe Python. Este segundo premio conta cunha dotación económica de 750 euros, que son achegados pola asociación GPUL, entidade colaboradora desta iniciativa e tamén enmarcado no convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Os finalistas que alcanzaron a fase final da presente edición foron os seguintes:
– Paloma Piot Pérez-Abadín: Profiling automático de usuarios para a detección precoz de trastornos mentais
– Mauro Alberto de los Santos Nodar: Pasaporte dixital de vacinación COVID-19 baseado en Blockchain, con criptomoeda asociada a modo de incentivo e aplicación móbil para o seu uso
– Diego Trabazo Sardón: Galiasdoc: sistema para la extracción automática de información estructurada a partir de documentos con elementos de maquetación comunes
– Borja González Seoane: PyToxo: una herramienta Python para calcular tablas de penetrancia de modelos de epistasia de alto orden

O CIXUG convoca este premio dentro das actividades incluídas dentro do convenio de colaboración coa AMTEGA, e no que se pretende a mellora dos mecanismos de formación e difusión do software libre no ecosistema universitario galego. A colaboración de GPUL tamén forma parte das actividades realizadas ao abeiro do convenio de colaboración asinada coa Amtega para a promoción do software libre en Galicia.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal