Actualidade

Ten dono o software libre? Quen ten os dereitos de autor?

O software libre (SwL ou SL) , do mesmo xeito que o software privativo, pertence ao seu creador, que é titular dunha serie de dereitos morais e patrimoniais sobre a obra (copyright). Estes dereitos son automáticos, non é necesario facer ningún tipo de rexistro.

Os dereitos morais permítenlle ao autor reivindicar a autoría da súa obra, e xestionar a súa divulgación, opoñerse á súa deformación, mantela inédita, autorizar a terceiros para terminar a obra inconclusa, etc.

Os dereitos patrimoniais son aqueles que lle permiten ao autor ou titular dos dereitos explotar comercialmente a súa obra. Estes son os dereitos de reprodución, transformación, distribución ou posta a disposición e publicación da obra.

No contrato de licenza dun software é onde o titular indica que dereitos lles outorga aos usuarios para servirse da súa obra.

No caso do software libre, neste contrato de licenza especifícase de xeito claro que se lle ceden aos usuarios certos dereitos de uso, modificación, distribución,… o que non quere dicir que o software deixe de pertencer ao seu creador.

É o mesmo freeware e shareware que software libre?

Freeware é aquel software que se distribúe de xeito gratuíto, normalmente para uso individual e non comercial. A diferenza do software libre, non adoita incluír o código fonte, nin permite modificalo, nin adaptalo. Por exemplo, Acrobat Reader de Adobe.

Shareware é moi semellante ao freeware, pero logo dun tempo cómpre pagar unha taxa pola súa utilización despois do período de proba, ou para obter acceso a todas as características do software. Tampouco inclúe o código fonte, nin lle outorga ningunha liberdade ao usuario, máis alá de empregalo para fins non comerciais. Por exemplo, WinZip.

Estrea de "Elephants Dream". Primeira película libre.

O próximo día 24 de Marzo terá lugar a estrea de “Elephants Dream”. Trátase da primeira película feita completamente empregando software libre, concretamente o software 3D Blender.

A estrea terá lugar no cine Cinema Ketelhuis, Amsterdam

A película foi realizada polo equipo Orange, e será distribuída con licencia Creative Commons. A distribución será a través de 3 canles: 

  • Descarga dende a súa web, en calidade media.
  • Venda dun DVD coa película en alta calidade, e os ficheiros dixitais e o software empregado para a súa realización.
  • En 35mm para a súa exposición en cines e festivais.

Para o que teña curiosidade pódese ver un avance dende a web dos creadores. 

Open Source Movies

Open Source Movies é unha Web que contén vídeos que se poden visualizar de xeito libre. Nela podemos atopar un fondo documental execelente, dende a primeira película de ciencia ficción “Le voyage dans la lune” feita polo francés George Meiles no 1902, ata vídeos da invasión francesa, por Alemania, na segunda guerra mundial.

"El Corte Inglés" venderá ordenadores con gnuLinEx preinstalado

“La Junta de Extremadura” e “El Corte Inglés” poñerán en marcha un Centro Experto en novas tecnoloxías da información e a comunicación ao amparo do convenio de colaboración rubricado hoxe en Mérida polo conselleiro de “Infraestructuras y Desarrollo Tecnológico de la Junta de Extremadura”, Luis Millán Vázquez de Miguel, e o director xeral de Informática de “El Corte Inglés”, Miguel María Latasa.

O software libre ten que ser de balde?

NON

O software libre, segundo a definición da Free Software Foundation, é aquel que unha vez adquirido podes usar, modificar, distribuír, mellorar … libremente. Xa que logo, esta liberdade de uso é posterior á adquisición do software.

A principal fonte de confusión é que o termo inglés free pode significar libre ou de balde. Doutra banda, é moi habitual atopar o software libre dispoñíbel para a súa descarga na Internet de xeito gratuíto e legal.

Así, podemos atoparnos con dúas situacións á hora de obter unha aplicación libre:

  1. Dispoñíbel para a súa descarga na Internet.

  2. Dispoñíbel para a súa adquisición por un importe determinado. Neste caso é frecuente que o importe inclúa tamén algún tipo de asistencia e para a instalación e/ou matemento del. A diferenza co software privativo é que, unha vez pagado, poderemos empregalo tantas veces como desexemos ou distribuirllo libremente aos nosos amigos ou mesmo cobrar por el, sempre que manteñamos a mesma licenza.

Pax. 700 de 701« Primeiro...102030...697698699700701

Pin It on Pinterest