Actualidade

Wii terá un sistema operativo Linux actualizable

Nunha entrevista publicada na páxina web de Nintendo, Satoru Iwata (presidente da compañía nipona) confirmou que por primeira vez nunha das súas consolas, [[Nintendo]] poderá seguir realizando melloras no sistema operativo a través de distintas actualizacións, ofrecendo novas características aos consumidores unha vez que xa mercaran unha Wii

Colabora na tradución ao galego da próxima versión do OpenOffice.org

Acabamos de poñer en marcha un novo servizo na web de mancomun.org ao cal se pode acceder a través da seguinte ligazón web:

http://www.mancomun.org/entrans  

Con este novo servizo queremos implicar á maior cantidade de xente posible a que colabore na tradución de Software Libre, e para iso empezamos,  poñendo á vosa disposición, as cadeas que quedan por traducir ao galego da próxima versión do OpenOffice. Unha vez teñamos estes ficheiros traducidos poderemos sacar a próxima versión do OpenOffice en galego gracias á vosa colaboración…

Caso de éxito de negocio con Software Libre: Digium

 Digium, unha empresa de desenvolvementos en Software Libre de VoIP, recibiu 13,2 millóns de dólares do consorcio Matrix-Partners para continuar co desenvolvemento de Asterisk. Asterisk é unha plataforma de VoIP en Software Libre con preto de 1 millón de usuarios.
Segundo un dos socios deste grupo empresarial, esta escolla foi pola flexibilidade de Asterisk como unha fonte aberta para seguir mellorando e, gracias ó produto PBX de Digium baseado en Asterisk, permite ás compañías que o precisen, constrúan sistemas de teléfono eficaces e robustos para os  seus negocios.

A Universidade da Coruña creará unha forxa que estará integrada no portal Mancomun.org

O Consello da Xunta ratificou o convenio entre a Consellería de Innovación e Industria para crear un marco de actuación estable coa Universidade da Coruña en materia de Software Libre. Entre os proxectos máis destacados cabe salientar a creación e mantemento dunha forxa integrada na web de Mancomun.org, un motor de busca de proxectos, seguimento dos diferentes proxectos, listas de correos para usuarios e desenvolvedores, elaboración de noticias e foros de discusión.

Dispoñibles as presentacións das xornadas da USC 2006

Na páxina de GLUG  aparece publicada a noticia de que xa teñen dispoñibles as presentacións das xornadas sobre Software Libre da USC 2006. Polo de agora non teñen todas as presentacións subidas pero esperan telas no menor espazo de tempo posible.

Máis información sobre as presentacións dispoñibles (temática, autor,…)  na web de GLUG

Un informe do goberno francés asegura que todos os seus documentos deben estar en Open Document

Segundo o estudo, encargado polo Primeiro Ministro francés Dominique de Villepin, todas as publicacións do seu goberno deben estar dispoñibles en OpenDocument Format ([[ODF]]). O estudo pretendía investigar o xeito de reducir a dependencia económica de Europa respecto a outras rexións, así como o desenvolvemento da industria local europea a través da utilización de estándares abertos.
 
Fonte.- Infoworld  

O directorio de empresas de Software Libre xa conta con máis de 30 empresas

O directorio de PEME de Software Libre de Galiza xa conta con máis de 30 empresas rexistradas. Cada vez son máis as compañías que ofrecen produtos e servizos de software libre aos seus clientes e a súa actividade é un piar fundamental para o desenvolvemento e mantemento da tecnoloxía aberta.

Dende a concepción do proxecto Mancomun.org considerouse como imprescindible a constitución dunha masa crítica de empresas que poidan ofrecer ás PEME e á administración unha oferta sólida e permanente de solucións de Software Libre. O obxectivo do directorio é que os clientes poidan localizar no mercado galego as mellores solucións baixo estándares abertos.   

Lanzamento de Mandriva Linux 2007

A innovación clave de Mandriva Linux 2007 é o escritorio con aceleración 3D mediante as tecnoloxías AIGLX e Xgl .
Mandriva tamén desenvolveu Invictus Firewall, dispoñible só na versión Mandriva Linux Powerpack+ 2007. Trátase dun sistema en cluster de cortalumes redundantes de alta dispoñibilidade.
Ademais inclúe as últimas innovacións no campo das aplicacións ofimáticas, de internet, multimedia e as novas tecnoloxías de virtualización e aceleración 3D para escritorios.

DBE permite ás pequenas empresas crear ferramentas libres segundo as súas necesidades

DBE (Digital Business Ecosystem) é unha das maiores iniciativas a prol do Software Libre para as PEME na Unión Europea. É un contorno de software totalmente libre baseado en Internet e que facilita o desenvolvemento de aplicacións empresariais. Os empresarios poden definir as súas necesidades e adquirir software axeitado ás súas demandas sen ter coñecementos de programación.

Esta tecnoloxía permita ás PEME contar cun software evolucionado que se adapta ás súas necesidades e integra a pequenos desenvolvedores no mercado global. Ademais supérase a dependencia dun único fornecedor. 

Pin It on Pinterest