Actualidade

Ten dono o software libre? Quen ten os dereitos de autor?

O software libre (SwL ou SL) , do mesmo xeito que o software privativo, pertence ao seu creador, que é titular dunha serie de dereitos morais e patrimoniais sobre a obra (copyright). Estes dereitos son automáticos, non é necesario facer ningún tipo de rexistro.

Os dereitos morais permítenlle ao autor reivindicar a autoría da súa obra, e xestionar a súa divulgación, opoñerse á súa deformación, mantela inédita, autorizar a terceiros para terminar a obra inconclusa, etc.

Os dereitos patrimoniais son aqueles que lle permiten ao autor ou titular dos dereitos explotar comercialmente a súa obra. Estes son os dereitos de reprodución, transformación, distribución ou posta a disposición e publicación da obra.

No contrato de licenza dun software é onde o titular indica que dereitos lles outorga aos usuarios para servirse da súa obra.

No caso do software libre, neste contrato de licenza especifícase de xeito claro que se lle ceden aos usuarios certos dereitos de uso, modificación, distribución,… o que non quere dicir que o software deixe de pertencer ao seu creador.

É o mesmo freeware e shareware que software libre?

Freeware é aquel software que se distribúe de xeito gratuíto, normalmente para uso individual e non comercial. A diferenza do software libre, non adoita incluír o código fonte, nin permite modificalo, nin adaptalo. Por exemplo, Acrobat Reader de Adobe.

Shareware é moi semellante ao freeware, pero logo dun tempo cómpre pagar unha taxa pola súa utilización despois do período de proba, ou para obter acceso a todas as características do software. Tampouco inclúe o código fonte, nin lle outorga ningunha liberdade ao usuario, máis alá de empregalo para fins non comerciais. Por exemplo, WinZip.

É o mesmo open source que software libre?

Aínda que conceptualmente son diferentes, dende o punto de vista do usuario final, no que atinxe ás vantaxes de uso, podemos dicir que son o mesmo.

A diferencia é a filosofía dos movementos que defenden cada un dos termos, aínda que tecnicamente e na práctica son compatíbeis. De feito, ambos movementos colaboran a cotío en diversos proxectos.

O movemento a prol do  software libre  (free software) é máis filosófico e descansa na idea de liberdade e na ética. Para eles o acceso ao código fonte é un requisito para as liberdades de estudar e modificar o programa. Este termo en inglés presenta unha dobre interpretación (free: gratis e libre) que leva á idea errada de que o software libre debe ser gratis.

O movemento open source é un movemento máis orientado cara á visión empresarial que centra o seu eixe no acceso ao código fonte como medio para a excelencia do software. Eliminan a ambigüedade do termo software libre aínda que introducen outra. Non todo o software que teña o código fonte dispoñible é open source, debe existir tamén a liberdade de modificalo e distribuílo. Hai empresas que para apuntarse á moda do open source permiten acceder ao código pero non permiten facer nada con el, nin distribuír as modificacións, nin comerciar con el…

Para máis información sobre a controversia entre ambos termos ler as seguintes referencias:

Why “Free Software” is better than “Open Source”

Why "Free" Software is too Ambiguous

Extensión para visualizar ficheiros ODF (Open Document Format) dentro de Firefox

ODFReader é unha simple extensión para o navegador Mozilla Firefox que permite visualizar o contido dos ficheiros OpenDocument (de momento solo .odt) dentro do propio navegador sen necesidade de ter instalado OpenOffice, Koffice ou calquera outra aplicación que traballe con este formato. Aínda que non mantén completamente o formato do documento, permite consultar dun xeito rápido o contido do mesmo.

Esta extensión está diseñada para a versión 1.5+ do Firefox.

Para instalar a extensión, necesitas descargar a mesma, gardala en disco. Entón, abrir o ficheiro no Firefox, dende o menú Ficheiro->Abrir Ficheiro. Unha vez instalada a extensión, hai que reiniciar o Firefox para que os cambios sexan efectuados correctamente.

Qué é unha licenza de software?

Do latín: licentia – Permiso para facer algo.

Un software réxese por licenzas, é dicir, en ningún momento un usuario compra un programa ou se converte en propietario del, tan só adquire certos dereitos, aínda que pague por el.

A licenza de software é un contrato, onde se especifica:

  • Cómo o autor lle cede parte dos seus dereitos ao usuario (copia, modificación, distribución, etc.)
  • En qué condicións o usuario pode utilizar o programa informático
  • O ámbito dos dereitos e obrigas asociados.

Ademais, pode sinalar o prazo de duración, o territorio de aplicación e todas as demais cláusulas que o titular do dereito de autor estableza.

A licenza, que pode ser gratuíta ou non, precisa os dereitos concedidos á persoa autorizada e os seus límites de:

  1. Uso
  2. Instalación
  3. Reprodución
  4. Modificación
  5. Copia do software

Que é open source ou código aberto?

Trátase de software distribuído cunha licenza que cumpre o seguinte decálogo:

  1. Libre redistribución: o software debe poder ser distribuído ou vendido libremente.

  2. Código fonte: o software debe incluír o código fonte ou polo menos poder obtelo a un custo razoábel, preferiblemente descargábel dende Internet sen cargo.

  3. Traballos derivados: a licenza debe permitir realizar modificacións e redistribuilas coa mesma licenza do software orixinal.

  4. Integridade do código fonte do autor: a licenza podería limitar que as modificacións se distribúan só como “parches” para aplicar durante a reconstrución do programa. Podería obrigar a que levasen un nome ou número de versión diferente á do software orixinal.

  5. Non discriminación a persoas ou grupos: a licenza non debe excluír a ningunha persoa ou grupo de persoas.

  6. Non discriminación de áreas de aplicación: a licenza non debe restrinxir o uso do programa en ningunha  área. Por exemplo, non deben restrinxirse os usos comerciais do programa.

  7. Distribución da Licenza: débense aplicar os mesmos dereitos a todos aqueles a quen se lles distribúa o programa.

  8. A licenza non debe ser específica dun produto: os dereitos unidos a un programa non deben depender de que forme parte ou non dun paquete de software particular.

  9. A licenza non debe restrinxir outro software: a licenza non debe impoñer restricións sobre o software distribuído co orixinal. Por exemplo, non debe insistir en que todos os programas distribuídos xunto co propio deban ser tamén open source.

  10. A licenza debe ser tecnoloxicamente neutral: a licenza non debe impoñer o uso de ningunha tecnoloxía ou estilo de interface concreto. Así, non debe obrigar á súa aceptación por medio dun clic de rato…

Para coñecer máis, ler as seguintes referencias:

Definición de Open Source da OSI.

Definición da wikipedia.

Que vantaxes ten usar software libre?

O software libre ten certas vantaxes respecto do software privativo. Algunhas delas son máis evidentes para usuarios particulares, outras para empresas e outras para a Administración Pública.

  • Respecto dos estándares. O software libre polo xeral segue fielmente os estándares abertos, o que facilita a interoperabilidade entre distintas organizacións.
  • Económicas

    • Adquisición:

      • de balde: software dispoñíbel para a súa descarga de Internet xa listo para a instalación e uso.

      • previo pagamento: é posiíbel que certo software especializado deba ser mercado, aínda que polo xeral será cun custo inferior ao do software privativo equivalente, coa vantaxe engadida de que esta adquisición pódese afrontar cooperativamente entre varias empresas, asociacións, persoas …

    • Non existen custos de licenza de uso do software, nin relativos ao número de usuarios, nin de equipos, nin de organizacións.

    • Hardware. En moitas ocasións, as novas actualizacións de software privativo precisan ampliacións de hardware pois polo xeral consomen máis recursos. Co software libre, na maioría dos casos, é posíbel obter maior rendemento en equipos con menos recursos.

  • Independencia de fornecedor. O feito de dispoñer do código fonte dá a posibilidade de optar por un provedor distinto ao que desenvolveu ou implantou o software. Isto supón non estar ligado ás condicións de mercado impostas por empresas de software que algunhas veces teñen situacións de monopolio ou de obter mellores ofertas ao existir maior competencia.

  • Continuidade. No software privativo, se o fabricante deixa de fabricar o produto ou cambia as súas funcionalidades porque non son rendíbeis, non temos máis alternativa que aceptar a súa decisión. Co software libre é posíbel que calquera usuario continúe o desenvolvemento do produto de software.

  • Posibilidade de adaptación ou personalización. O acceso ao código fonte posibilita a personalización do software para adaptalo ás necesidades concretas da empresa.

  • Localización. O software libre pode ser fácilmente traducido para ofrecer adaptación ao galego, o que non adoita ser frecuente en software privativo.

  • Maior seguridade e fiabilidade. O desenvolvemento en colaboración e de forma pública garante a maior calidade do desenvolvemento. O software é auditado a cotío  pola comunidade de usuarios. Actualmente GNU/Linux é inmune perante a inmensa maioría de virus informáticos que afectan case con exclusividade aos sistemas Windows.

  • Calidade. O software libre, ao ser de dominio público, está sendo usado e depurado a cotío por un gran número de desenvolvedores e usuarios, que engaden e demandan novas funcionalidades.

Estrea de "Elephants Dream". Primeira película libre.

O próximo día 24 de Marzo terá lugar a estrea de “Elephants Dream”. Trátase da primeira película feita completamente empregando software libre, concretamente o software 3D Blender.

A estrea terá lugar no cine Cinema Ketelhuis, Amsterdam

A película foi realizada polo equipo Orange, e será distribuída con licencia Creative Commons. A distribución será a través de 3 canles: 

  • Descarga dende a súa web, en calidade media.
  • Venda dun DVD coa película en alta calidade, e os ficheiros dixitais e o software empregado para a súa realización.
  • En 35mm para a súa exposición en cines e festivais.

Para o que teña curiosidade pódese ver un avance dende a web dos creadores. 

Open Source Movies

Open Source Movies é unha Web que contén vídeos que se poden visualizar de xeito libre. Nela podemos atopar un fondo documental execelente, dende a primeira película de ciencia ficción “Le voyage dans la lune” feita polo francés George Meiles no 1902, ata vídeos da invasión francesa, por Alemania, na segunda guerra mundial.

Pax. 544 de 545« Primeiro...102030...541542543544545

Pin It on Pinterest