Actualidade

Revistas de Software Libre

Cada vez son máis as comunidades de usuarios seguidores do Software Libre que fan uso de internet para difundir principalmente contidos tecnolóxicos libres en forma de blogs, portais, webs de axuda, howtos, etc.
Outro formato que empeza a coller forza en internet en materia de difusión é a revista dixital. Este tipo de creación empeza a ser usado por moitas das entidades de difusión de formato papel, querendo así, facerse un oco en internet. O Software Libre non se queda atrás e xa son varios os portais que están a traballar nesta liña, facendo posible a descarga libre destas creacións.

O OpenOffice.org terá corrector gramatical para o galego

Actualmente, o OpenOffice.org conta cun corrector ortográfico para o galego que recoñece máis de 21 millóns de palabras, 500 abreviaturas, 1500 nomes e apelidos, 400 siglas e acrónimos e 1.500 topónimos.
 
A Consellería de Innovación e Industria vén de publicar un concurso para a elaboración dun corrector gramatical para o galego, de código aberto e adaptado ao OpenOffice.org. O texto completo da resolución está publicado no  Diario Oficial de Galicia do venres 13 de outubro do 2006.

Lambdastream é distinguida por un sistema de vídeo baixo demanda que funciona sobre GNU/Linux

A empresa coruñesa Lambdastream foi seleccionada como unha das 16 mellores empresas de nova creación. Lambdastream forma parte da selección das mellores Start-ups de España elaborada polo Foro Neotec.

O proxecto estrela de Lambdastream é o VoDKA (Video on Demand Kernel Architecture) un sistema de vídeo baixo demanda. Este sistema, recentemente vendido á federación de televisións rusa, corre sobre GNU/Linux como sistema preferente aínda que tamén funciona en Solaris e Digital UNIX. Ademais a maior parte das ferramentas de desenvolvemento, ofimática e deseño gráfico empregadas pola compañía son Software Libre.

O Foro Neotec é un evento, promovido polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) do Ministerio de Industria que se celebrará o día 7 de novembro en Valencia.

Obradoiros Abertos de CompostelaWireless

Os Obradoiros Abertos que vén celebrando a xente de CompostelaWireless tódolos martes dende o mes de Xullo, veránse interrumpidos temporalmente durante os meses de Outubro e Novembro, segundo anuncian na súa web.

Concretamente cancélanse os obradoiros dos días 17, 24 e 31 de outubro e o do día 7 de novembro. Despois destas datas reanudarase a actividade previa publicación dun novo anuncio.

 

Traducido o 100% da interface de OpenOffice.org 2.0.4

O labor dos voluntarios que empregaron o entrans para traducir a versión candidata ou release do OpenOffice.org 2.0.4 logrou que xa estea en galego o 100% da interface. Desde mancomun.org agradecemos de xeito especial o entusiasmo co que foi acollida esta iniciativa. Gracias a vós poderemos ter en pouco tempo a nova versión oficial do OpenOffice.org en canto sexa definitiva.

Pero aínda queda moito por facer. A localización das cadeas correspondentes ao novo contido da axuda está pendente. Cómpre lembrar que o galego é un dos poucos idiomas no mundo que dispoñen dunha axuda totalmente traducida.  

Ir ao entrans .  

Charla e obradoiro sobre Software Libre en Vilagarcía

Organizado por Galiza Nova, patrocinado pola Concellaria da Xuventude do Concello de Vilagarcia de Arousa e coa colaboración de AGNIX e Mancomun.org desenvolveranse no auditorio de Vilagarcía e no Centro Cultural da Torre os días 27 e 28 deste mes que andamos unha charla e un obradoiro sobre Software Libre co seguinte programa:

Charla Venres 27 de Outubro 20:30 h. Auditorio de Vilagarcía de Arousa

  • Roberto Brenlla – Achegamento ao Software Libre.

Obradoiro Sábado 28 de Outubro 12:00 h. Centro Cultural da Torre (Vilagarcía de Arousa)

  • Xabier Alonso. Instalación e achegamento ao GNIX.

Pin It on Pinterest