Actualidade

Un total de 3264 resultado(s) para Outras novas

O parlamento francés aproba pro primeira vez unha lei que da prioridade ao uso do Software Libre

Por primeira vez na súa historia, o Parlamento francés vén de aprobar unha lei na que se recolle a obriga de darlle prioridade ao Software Libre nun servizo público, concretamente a Lei de Educación Superior e Investigación.

O 9 de xullo de 2013, a Asemblea Nacional aprobou o Proxecto de Lei de Educación Superior e Investigación onde o artigo 9 dá prioridade ao software libre para os servizos dixitais e recursos educativos proporcionados polo Servizo Público de Educación Superior.

A organización francesa sen ánimo de lucro, April, logo de ter contribuído amplamente ao debate, celebra especialmente esta votación e felicita aos deputados e senadores polo recoñecemento da importancia do Software Libre na administración pública e na educación superior, xa que é o único que pode garantir a igualdade de acceso ao servizo público. Agradece tamén a todas as persoas que se mobilizaron e contactaron cos membros do Parlamento.

Bilbao acolle tres congresos de Software Libre do 11 ao 19 de Xullo

Iamxe de promoción da Akademy 2013A Universidade do País Vasco acolle dende onte ata o 19 de xullo dous importante congresos internacionais, a Akademy 2013 e o Qt Contributors Summit (QtCS) e outro de carácter nacional, a Akademy-ES .

Segundo se recolle na nota de prensa emitida, estímase que ao longo da semana, máis de 300 desenvolvedores participarán en conferencias, sesións de traballo así como diferentes workshop técnicos para mellorar aplicacións tan diversas como sistemas operativos e contornas de escritorio para PCs e móbiles, aplicacións de xeoposicionamiento, programas de ilustración dixital, etc.

O programa inclúe tamén un Open Promotional Program aberto á cidadanía, cun acento especial na educación e con charlas acerca das funcionalidades do paquete educativo KDE, o sistema operativo Kubuntu, aplicacións educativas de KDE para escolas de primaria e secundaria, aplicacións educativas de KDE para a universidade e unha exposición das prácticas da carreira en Enxeñaría informática na Universidade de Chicago.

GPUL participa nos eventos Akademy-es e Akademy 2013 con dúas charlas

Logo de GpulComo informábamos esta mañá, Bilbao está a acoller a reunión internacional e nacional de contribuidores de KDE, Akademy e Akademy-ES así como o Summit de Qt.

Como xa vén sendo habitual, dous socios de GPUL asistirán a estes eventos para estar ao día no desenvovelmento de KDE, colaborar coa comunidade nas decisións de futuro, … A importancia destes eventos vén determinada porque de certa forma, é o momento nos que os desenvolvedores de KDE e Qt analizan o estado actual dos proxectos, e toman decisións relativas ao seu desenvolvemento futuro.

Ademais tamén impatirán dúas presentacións dentro da Akademy-ES 2013. Concretamente, José Millán Soto impartirá a ponencia "Migración a Software Libre usando KDE e NX en administracións públicas" e Ignacio Serantes falará de "Nepomuk Web-Miner: Internet ao servizo do escritorio" ambas o día 12 de xullo, como pode verse no programa do congreso.

Cursos de verán de software libre

A empresa GRUPO BARRÁN S.L., de recente creación, infórmanos das súas próximas actividades de formación e difusión de software libre que organiza para os próximos meses.

Respecto ás actividades formativas, veñen de abrir o prazo de inscrición para dous cursos de verán sobre software libre, un de GNU/Linux e outro de uso dos principais aplicativos libres dirixidos a todo tipo de usuarios.

Por outra parte, infórmanos tamén da celebración de dous seminarios “Emprender con Software Libre” que celebrará no mes de Setembro, un no CNTG en Santiago de Compostela e outro no centro Ágora en A Coruña.

Cartel promocional dos cursosCursos de verán

Os cursos celebraranse durante os meses de Agosto, Setembro e Outubro, cunha duración de 72 horas cada un e serán impartidos presencialmente en Santiago de Compostela. A oferta de prazas é limitada, e o custe dos cursos é de 20€ ao mes. As persoas interesadas en obter máis información ou inscribirse nos cursos deben contactar coa empresa a través do formulario de contacto ou de inscrición.

Xornada sobre Scratch dirixida ao público infantil en Melide

Xornada de Scratch en MelideDende a asociación Melisa, organizan par o vindeiro 13 de xullo a I Xornada de Scratch, dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 15 anos. A xornada, de carácter totalmente gratuíto, celebrarase de 10:00 a 14:00 horas na aula CeMIT do municipio situada no edificio multiusos de Melide.

O obxectivo desta xornada é que os cativos poidan aprender a empregar un ordenador dende unha perspectiva diferente, aprendendo a crear historias, xogos, simulacións, … que logo poidan empregar nos seus equipos. Ademais de estimular a súa creatividade, permitirá que se acheguen ao mundo da programación dunha forma divertida e amena.

Segundo recollen no anuncio desta xornada, esta iniciativa forma parte do compromiso social de Melisa coa sociedade, conscientes de que as xeracións futuras deben adquirir competencias relacionadas coa programación libre.

Scratch é un aplicativo destinado a introducir aos cativos no mundo da programación mediante o uso dunha sinxela interface gráfica, axudando a desenvolver o pensamento algorítmico, a creatividade e a destreza para solucionar problemas.

GALPon publica a guía de axuda "argallando cunha Raspberry Pi"

O pasado 29 de xuño tivo lugar a II xornada dos Sábados libres na Altamar organizados por GALPon, adicada nesta ocasión ao RaspberryPi. Esta xornada foi, unha vez máis, todo un éxito de acollida xa que se cubriron a totalidade das 30 prazas dispoñibles, amosando os asistentes a súa satisfacción coa mesma.

Foto das xornadas de Raspberry Pi de GALPonDado o éxito de asistencia e o interese espertado, unido ao escaso material dispoñible en galego sobre RaspberryPi, dende GALPon consideraron que sería de utilidade dispoñer dunha pequena guía en galego sobre como traballar coa RaspberryPi, agrupando nunha mesma páxina wiki unha serie de dúbidas (e/ou elementos non moi divulgados) e ofrecendo unha solución conxunta, de forma tal que se poidan solucionar de vez varias configuracións de interese.

Así a semana pasada, publicaron no seu wiki o manual de referencia das actividades realizadas na xornada, cunha licenza GFDL. Segundo recollen no anuncio da publicación, “seguindo o habitual criterio do autor do mesmo, este manual é perfectamente comprensíbel polos usuarios noveis, as ordes están ben desbrozadas para que non haxa dúbidas ao respecto. Así mesmo a súa aplicación segue o principio de só Software Libre polo que todo o traballo está orientado a traballar sempre cun S.O. GNU/Linux”.

A distribución GNU/Linux para cativos MiniNo PicarOS 2013 Diego en fase beta

A asociación GALPon acaba de publicar a versión beta da distribución MiniNo PicarOS 2013. Esta nova versión chamada MiniNo PicarOS 2013 Diego está adicada ós máis pequenos.

Minino PicarOS 2013 DiegoA distribución está baseada en Debian Wheezy/Sid con todo o entorno enfocado para cativos dende 3 a 12 anos. Ó estar destinada a rapazas e rapaces os desenvolvedores tiveron en conta certas necesidades de usabilidade.

O equipo de MiniNo PicarOS estivo a realizar probas dos aplicativos en situacións reais en varias aula. Isto permitiu a incorporación de engadidos e a mellora da configuración dos aplicativos.

En definitiva, está todo pensado para que os miúdos (e os non tan miúdos) non teñan por que saber nada do sistema nin de instalacións para tirarlle partido a esta distribución.

Axudas para proxectos de automática/robótica sobre Hardware e Software Libre

Logotipo de GALPonDende GALPon infórmannos da súa nova iniciativa a prol da difusión do hardware e software libre entre entidades educativas e formativas da provincia de Pontevedra.

Trátase da convocatoria dunha axuda en forma de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de automática ou robótica empregando hardware e software libre.

A colaboración ofrecida consiste de forma resumida na cesión do hardware libre necesario para o proxecto ademais do asesoramento técnico para o correcto desenvolvemento. Se o proxecto acada os seus obxectivos o equipo recibirá un premio en metálico de 300€.

Orixe

A orixe desta idea vén do alto interese amosado polo hardware libre a raíz da celebración dos «Sábados Libres na Altamar» adicados a Arduino e a RaspberryPi organizados por GALPon. Dende GALPon, viron que este tipo de proxectos pode ser unha boa forma de chamar a atención dos mozos e a través deles achegalos ao Software Libre e aos conceptos da cultura libre en xeral.

Dado que un dos principais obxectivos da asociación GALPon é fomentar o emprego das tecnoloxías libres e apoiar o desenvolvemento en base á liberdade, tal e como preconiza a Free Software Foundation (FSF), decidiron embarcarse nesta nova andaina poñendo ao alcance dos mozos os coñecementos e ferramentas necesarias.

O gañador da VI edición do Premio ao Mellor PFC con Licenza Libre recibirá 1.500€

A Asociación GPUL vén de unirse aos patrocinadores da VI edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre cunha achega de 750€ que se unen aos 1.500€ que achega o CIXUG. Desta forma o gañador desta edición do premio recibirá 1.500€ e o proxecto recoñecido co accésit recibiría 750€.

Ambos patrocinios forman parte das actividades que o CIXUG e a asociación GPUL realizan con cargo aos respectivos convenios de colaboración asinados coa AMTEGA para a promoción e difusión do Software Libre en Galicia, no marco do Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia.

Banner do premio ao mellor proxecto de fin de carreira con licenza libre. Patrocinadores

Dende a asociación GPUL queren contribuír deste xeito a aumentar o atractivo do premio para os posibles participantes, co obxectivo de que o número e a calidade dos proxectos presentados sexa maior.

Agardamos que os estudantes que estean en proceso de desenvolvemento do seu Proxecto de Fin de Carreira ou Fin de Grao, vexan que a elaboración do mesmo seguindo a forma de traballo das comunidades de software libre e seleccionando unha licenza libre para o seu proxecto pode permitirlles participar neste premio e recibir unha boa compensación económica polo seu traballo. Ademais serviralles tamén para que todos os participantes reciban o recoñecemento público do seu bo traballo, o que indirectamente pode permitirlles acceder a postos de traballo mellor valorados nun mercado laboral cada vez máis competitivo, onde a meritocracia e o recoñecemento son unha boa diferenciación co resto de competidores laborais.

Hacklab de inciación ao desenvolvemento de aplicativos para o contorno KDE

Cartel do hacklab de KDE de GPULA asociación GPUL organiza para este mércores día 12 de xuño un hacklab de iniciación ao desenvolvemento en Qt e KDE.

O obradoiro celebrarase no laboratorio 0.4w da Facultade de Informática da UDC a partir das 17:30 cunha duración aproximada de dúas horas.

O hacklab consiste nun encontro informal similar a un grupo de traballo para aprender e traballar todos xuntso sobre unha mesma tecnoloxía. Nesta ocasión o evento xirará en torno á programación de aplicativos para o contorno de escritorio KDE, onde se explicarán as bases técnicas do desenvolvemento en C++ e en python de aplicativos con Qt e kdelibs.

Pax. 40 de 327« Primeiro...102030...3839404142...506070...Último »

Pin It on Pinterest