Actualidade

Un total de 581 resultado(s) para Educación

Fedora Education SIG, o proxecto educativo de Fedora

Fedora Education SIGFedora anunciou o seu proxecto educativo, o Fedora Education Sig. Trátase dunha iniciativa oficial para optimizar esta distribución dirixida especialmente a mestres e alumnos. Segundo os seus creadores, “faremos isto mediante a evanxelización, construción e mantemento dun forte ecosistema de paquetes educativos na distribución de Fedora, e o apoio aos alumnos no uso destes paquetes como instrumentos para acadar os seus obxectivos curriculares”.

Esta non é unha iniciativa nova no mundo do software libre, xa que outras distribucións coma EduBuntu de Ubuntu, DebianEdu de Debian ou OpenSUSE Education de OpenSUSE o levan facendo xa dende hai un tempo.

A Forxa de Mancomún acolle un ano máis os proxectos que concorran ao Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con SwL

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de outubro para os estudantes das tres universidades galegas

Igalia, empresa galega de desenvolvemento de software libre, convoca a terceira edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con software libre. Como en anteriores anos, o concurso premiará ao mellor traballo desenvolvido con software libre que, concorrendo como inscrito na convocatoria do galardón, tivese sido presentado como Proxecto Fin de Carreira (PFC) nalgunha escola ou facultade de Galicia durante o ano académico 2008/2009.

Mancomún, como entidade colaboradora en representación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, habilitará a Forxa para a inscrición e publicación de todos os proxectos participantes, permanecendo estes accesíbeis á análise e estudo de calquera persoa interesada.

Deste xeito, o Premio buscará fomentar o achegamento e coñecemento dos universitarios galegos sobre o software libre, ao tempo que promoverá o emprego de calidade baseado nas tecnoloxías da información e da comunicación.

A Oficina de SwL da USC desenvolve dous complementos para o acceso directo ás traducións de software libre en galego

FantasdicA Oficina de Software Libre da USC liberou hoxe dous complementos para o aplicativo Fantasdic que permiten o acceso directo aos servizos web do Corpus de Mancomún  e de Open-Tran.eu, posibilitando, mediante unha consulta, obter as traducións dos aplicativos libres máis importantes, tales como OpenOffice.org, Firefox, Gnome, KDE…

Estes complementos resultan de especial interese para os tradutores, formadores, desenvolvedores e investigadores lingüisticos, ao fornecer unha vía sinxela e rápida para a consulta destes servizos. Pola nosa parte, dámoslle a benvida a unha ferramenta que pode axudar na optimización da calidade das traducións realizadas, así como aumentar a consistencia léxica no software de fontes abertas.

Fantasdic é un aplicativo lexicográfico que fai posíbel a busca de palabras nunha gran variedade de dicionarios electrónicos. Este aplicativo libre foi desenvolvido inicialmente para o contorno de escritorio GNOME pero é compatíbel con outras plataformas.

Dispoñíbel en galego o segundo capítulo de Ubunchu

UbunchuA Oficina de Software Libre da UDC, acaba de informar mediante a súa páxina web, que a versión en galego do segundo capítulo da banda deseñada Ubunchu xa está dispoñíbel para a comunidade.

Mancomun.org xa dera conta recentemente da publicación deste segundo episodio de Ubunchu, pero ata o de agora non estaba dispoñíbel en galego. Novamente, grazas ao traballo de tradución da Oficina de Software Libre da UDC agora podemos gozar desta educativa banda deseñada.

O segundo episodio deste manga, que conta as aventuras dun club de administradores de sistemas que empregan Ubuntu, leva por título “ILC con Gnomos!” e conta, nesta ocasión, como os protagonistas se poñen a aprender o emprego da interface de liña de ordes (Command Line Interface ou CLI, polas súas siglas en inglés), para o cal comparan as ordes con gnomos e os argumentos que se lle poden engadir ás ordes como as ferramentas destes.

O GRUVI comeza a entrega dos equipos reciclados deste curso

MininoGRUVI, o proxecto de voluntariado da UVigo que recupera equipos informáticos para doalos con software libre a entidades sociais do contorno, comezou o pasado xoves día 2 o reparto de equipos reciclados, tal e como vén facendo habitualmente ao remate de cada curso dende hai anos.

Nesta convocatoria entregaranse un total de 34 equipos entre 27 asociacións sen ánimo de lucro. A maioría destes equipos, de acordo ao obxectivo de promoción do software libre, levarán instalado como software a versión Ronsel de GALPon MiniNo e o resto levarán a versión GALPon MiniNo GestiONG, agás un deles que corre sobre unha Ubuntu configurada no obradoiro do GRUVI para ser empregada como ferramenta de apoio á educación para nenos e mozos.

Esta semana, aínda sen concretar se o venres ou o sábado, remataranse as entregas.

A Universidad de Murcia publica un informe sobre campus virtuais de software libre nas universidades españolas

Mapa campus virtuaisPara os que puider serlles de interese a información que Mancomún recollía días atrás sobre sistemas de educación en liña libres e gratuítos, hoxe facémonos eco da publicación dun informe sobre campus virtuais de software libre nas universidades españolas. Este documento, elaborado polo Grupo de Investigación de Tecnología Educativa da Universidad de Murcia, ten como obxectivo achegar a realidade dos campus virtuais de software libre empregados nas institucións académicas españolas.

Segundo explican os responsábeis do proxecto, o contexto do ensino superior en España produciu nos últimos anos un movemento significativo en canto ás ferramentas de campus virtual que se viñan empregando, existindo na actualidade un gran número que apoian as tecnoloxías libres.

O informe recolle esta idea nun mapa interactivo web, no que, ademais, está referenciada -por diferentes criterios de busca- a plataforma utilizada por cada universidade española. Por outra banda, o proxecto afonda nas razóns que xustificaron a escolla en cada unha das institucións e analiza detalladamente as distintas ferramentas, cun traballo comparativo desde o punto de vista pedagóxico.

Sourceforge.net abre o prazo de votacións para escoller os gañadores dos premios da entidade

  • Un dos proxectos finalista, eViacam, conta con participación galega
  • Sun Microsystems convoca tamén os seus premios Fin de Carreira

Community Choice AwardsA plataforma SourceForge.net mantén aberto ata o vindeiro 20 de xullo o período de votacións para os proxectos finalistas do premio Community Choice Awards 2009, que celebra anualmente SourceForge.net. Nesta fase os membros da comunidade de software libre poderán escoller os mellores proxectos do mundo entre un total de 85 aplicativos repartidos en 12 categorías.

Como xa anunciara anteriormente Mancomún, a edición deste ano incorpora novas categorías ás que concorreron sobre 47.000 proxectos.

Sourceforge.net é un dos directorios con maior cantidade de software libre dispoñíbel en rede, cun volume de case 184.000 proxectos libres para descarga en calquera momento e sen custo ningún. Os premios Community Choice Awards están patrocinados por empresas como Microsoft, Mozilla, A Fundación Linux…

Un instituto de Estremadura regala un CD-ROM de software libre coa matrícula do centro

Documentación da matrículaUn Instituto de Estremadura, o IES Albarregas de Mérida, está a levar a cabo unha particular iniciativa orientada a promover o uso do software libre nas aulas. O proxecto consiste en repartir dentro de cada sobre de matrícula para o curso 2009-2010 un CD-ROM co software que vai precisar o rapaz ou rapaza durante o período académico.

Segundo analizan fontes próximas ao centro “a mensaxe que se achega ao alumnado é a do software legal. Fomentar estes dous conceptos -e valores- entre os alumnos e as súas familias é perfectamente coherente co modelo educativo. O respecto, a solidariedade, e compartir son ideais aos que non podemos renunciar”.

O contido do CD-ROM é software libre e legal, compatíbel con calquera sistema informático actual: Windows, Mac ou Linux. Leva a información estruturada como se dunha páxina web se tratase, desde a que se pode ver o contido e, por suposto, desde o que se pode descargar os aplicativos informáticos.

A OSLUSC organiza un curso sobre software libre vencellado á lingüística

Software Libre e Lingüística

A Oficina de Software Libre da USC dá a coñecer hoxe todos os detalles sobre o curso “O Software Libre e a Lingüística”, que terá lugar entre os días 21 e 24 de setembro en Santiago e co cal se pecha a ampla oferta formativa en materia de tecnoloxías libres no marco dos Cursos de Verán da USC que se viña publicitando nos últimos días.

Este curso ten como finalidade presentar algúns aspectos salientábeis da informática aplicada á lingüística e á tradución, e en concreto das ferramentas e proxectos de software libre existentes neste eido. Para isto, cun programa aínda aberto e suxeito a cambios, afondarase no estudo das ferramenta de normalización lingüística, tradución asistida, estudo en liña de linguas, o papel da universidade na investigación lingüística, etc.

Antón Méixome, lingüista de Mancomún, participará en dúas sesións abordando as características e a dispoñibilidade do software existente neste campo (correctores ortográficos, analizadores sintácticos…), así como dos aplicativos en desenvolvemento (correctores estilísticos, sinónimos, gramaticais…). Xunto a el estarán outros membros destacados da comunidade de tradución de software libre ao galego, como Miguel Branco , Marce Villarino ou José Ramón Pichel.

Xorde unha nova iniciativa para acceder a cursos gratuítos sobre GNU/Linux e software libre en liña

Ariel Corgatelli, un recoñecido xornalista do mundo da informática e do eido do software libre e director da popular revista dixital arxentina Tuxinfo comeza un novo proxecto que busca ofrecer cursos virtuais sobre Linux e software libre de maneira completamente gratuíta.

Baixo esta idea, a nova plataforma de educación en liña -construída co aplicativo Claroline– fornecerá cursos simples con foros, chat e material adicional para que o alumno poida adquirir coñecementos básicos e avanzados.

Polo momento só está dispoñíbel a incrición ao curso “Operación básica de GNU/Linux” e aínda non existe demasiado material accesíbel, no entanto, gran parte da comunidade de software libre parece coincidir en que “será un bo lugar para aprender un pouco máis”.

Pax. 40 de 59« Primeiro...102030...3839404142...50...Último »

Pin It on Pinterest