GNOME 3.32 “Taipei”, chamada así en recoñecemento ao equipo organizador da GNOME Asia 2018 do último ano, trae moitas novidades.
Características máis destacadas:
- Estilo visual renovado, cunha paleta de cores máis rica e melloras tanto nos botóns como nas iconas.
- Eliminación nos aplicativos do “menú de aplicativo”, movendo os contidos ao menú principal localizado dentro da xanela do aplicativo.
- Escalado fraccional, como opción experimental.
- Animacións máis rápidas e áxiles.
- Melloras de rendemento na base de datos de busca de GNOME.
- A extensión de Iconas no Escritorio foi publicada, podendo volver a usar iconas no escritorio tradicional.
- Modo lectura mellorado.
- Preferencias de son redeseñadas.
- A temperatura da cor da luz nocturna pódese axustar.
- Caixas de GNOME agora tentará activar a aceleración 3D nas máquinas virtuais (se anfitrión e hóspede o admiten), incrementando así o rendemento.
- GNOME Software mellora a xestión de aplicativos desde varias fontes, tales como Flatpak e repositorios.
- Mellorouse o rendemento de Google Drive.
Para instalalo recoméndase agardar polos paquetes oficiais. As distribucións máis populares contarán con GNOME 3.32 moi pronto.
O proxecto GNOME é un proxecto aberto e libre así como unha comunidade internacional apoiada por unha Fundación sen ánimo de lucro, enfocado a unha experiencia de usuario excelente e unha internacionalización e accesibilidade de primeira clase.
Máis información sobre GNOME 3.32 na nota da versión.