O Concello de Lugo celebra o Día de Internet con computadores preinstalados con Galinux
A iniciativa enmarcada no programa "Eu Conecto" promoverá o uso de aplicativos libres, entre outras actividades
A Concellería de Servizos Xerais de Lugo organiza mañá, día 14 de maio, o programa de actividades previsto na cidade con motivo da celebración do Día Mundial de Internet o vindeiro 17 de maio -coincidente por outra banda, coa celebración do Día das Letras Galegas na nosa terra.
Mancomún colaborará coa iniciativa local achegando o seu completo sistema operativo libre, Galinux, que será preinstalado en todos os equipos habilitados para a realización dos obradoiros. Asemade, distribuiranse gratuitamente exemplares do Galinux entre todos os participantes na xornada.
A cita terá lugar na planta baixa da Praza de Abastos de Lugo entre as dez da mañá e as oito do serán, horas nas que se sucederán os obradoiros previstos: Facebook, You Tube, Skype e Google. Ademais, haberá actividades paralelas como a exposición A Historia de Internet, que constará de 16 paneis con imaxes e textos explicativos, desde os anos 50 ata a actualidade, narrando a historia da rede de redes a nivel mundial. Por outra banda, haberá un espazo de ocio con dúas zonas de xogo e todos os participantes entrarán no sorteo dun computador.